Últimos días para aproveitar o prezo reducido na inscrición da XVIII edición da carreira popular Coruña 10
A falta de dous meses para a oitava edición da Carreira Popular Coruña10, que se consolidou como a máis multitudinaria da cidade, preto de 400 persoas xa formalizaron a súa inscrición desde a apertura do prazo en xullo. En total, 374 participantes adquiriron o seu dorsal en diferentes categorías para a carreira, que se celebrará o domingo 6 de outubro. Deste número, 312 son inscricións na categoría absoluta.
Para incentivar a participación dos coruñeses e coruñesas, o Goberno de Inés Rey activou un prazo de inscrición con prezo reducido de 8 euros ata o domingo 18 de agosto. A partir da semana seguinte, o prezo será de 12 euros ata o 27 de setembro, e logo haberá un prazo extraordinario os días 28 e 29 de setembro, cunha cota de 20 euros. As inscricións poderán realizarse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com até o 29 de setembro ás 23.59 horas, e tamén de forma presencial no horario comercial do centro de El Corte Inglés (rúa de Ramón y Cajal) ata o mesmo día.
Na súa décimo oitava edición, a carreira Coruña10 contará cun circuíto urbano homologado pola Real Federación Española de Atletismo. Os menores tamén poderán participar en probas adaptadas ao seu nivel, con inscrición gratuita desde a categoría peques ata sub-18. A saída e a meta estarán situadas en Porta Real, e a proba percorrerá os Cantóns, Linares Rivas, a estrada do porto e o interior dos peiraos.
As primeiras persoas clasificadas obterán premios económicos en función da súa categoría e procedencia, cun total de 9.700 euros destinados aos mellores corredores e corredoras. Ademais, aqueles que logren batir o récord da proba (28'09" na categoría masculina e 31'40" na feminina) recibirán un premio de 2.000 euros. O regulamento e toda a información sobre os servizos ofrecidos por Coruña10 están dispoñibles na web municipal.