Ultiman as obras da área biosaudable da rúa Rafael Alberti no barrio de Elviña

Nos vindeiros días, o Concello abrirá a área biosaudable da rúa Rafael Alberti, un espazo de nova creación coa que o Goberno de Inés Rey busca dar resposta a unha das principais demandas da veciñanza nesta parte do barrio de Elviña.
Os traballos estanse a levar a cabo nunha pequena praza situada entre as rúas Rafael Alberti e Antonio Machado, configurada como unha área de lecer "na que avaliamos a posibilidade de aproveitar aínda máis a superficie dispoñible e, desta forma, incrementar a dotación de espazos deportivos no distrito", explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
Neste sentido, e ademais da instalación dos novos equipamentos, orientados á práctica de exercicio físico e tonificación muscular de menor intensidade, tamén se acometeu a renovación do mobiliario urbano da praza, con novos bancos feitos con materiais máis resistentes fronte á erosión e ás condicións meteorolóxicas adversas.
Noemí Díaz fixo fincapé no pulo que lle está a dar o Goberno de Inés Rey á creación -ou ampliación, en función dos casos- das áreas biosaudables nos diversos barrios da cidade.
"A meirande parte das persoas usuarias son veciñas e veciños en idades máis avanzadas. Por iso, entendemos que estes espazos non só contribúen á promoción de hábitos saudables como o exercicio físico, senón que tamén son puntos de convivencia e interacción que poden ter un impacto beneficioso en cuestións como a soidade non desexada", explicou Díaz.