UDC e RAGBA formalizan unha colaboración para fomentar a cooperación académica e cultural

A Universidade da Coruña (UDC) e a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) vén de asinar un protocolo xeral de colaboración cun prazo inicial de catro anos, prorrogables, co fin de promover o intercambio de experiencias e persoal nos ámbitos da docencia, a investigación e a cultura.
O acto oficial de firma tivo lugar na Reitoría da UDC, co reitor Ricardo Cao Abad e o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, como asinantes do documento.
Este protocolo compromete a ambas institucións a colaborar en varias liñas de actuación, entre elas: “facilitar o intercambio temporal de profesorado, persoal investigador e profesionais; promover a participación conxunta en proxectos de investigación e desenvolvemento, tanto bilaterais como multilaterais; colaborar en programas de formación de persoal técnico, investigador ou asistencial; prestarse asesoramento mutuo en materias propias da súa actividade; e intercambiar materiais docentes e de investigación, sempre que non existan impedimentos previos”. Ademais, o acordo contempla a posibilidade de impulsar calquera outra iniciativa de interese común.
A implementación destas accións levarase a cabo mediante convenios específicos que detallarán o plan de traballo, os recursos dispoñibles, as persoas participantes e o financiamento previsto. Para garantir o seguimento do protocolo, crearase unha comisión paritaria formada por representantes da UDC e da RAGBA.
Con este acordo, ambas as dúas entidades “reafirman o seu compromiso de establecer vínculos estables de cooperación académica e cultural”.
Sobre a Real Academia Galega de Belas Artes
Fundada en 1849, a Real Academia Galega de Belas Artes promoveu desde o seu inicio estudos, iniciativas e comisións a prol das artes, museos, publicacións e a rehabilitación de conxuntos culturais. É un órgano consultivo da administración pública e, desde 1984, institución oficial dependente da Xunta de Galicia e asociada ao Instituto de España das Academias.
A Academia conta con catro categorías de membros: numerarios, correspondentes, honorarios e supernumerarios. A súa sede oficial está no Pazo do Real Consulado do Mar da Coruña, onde se asentou definitivamente en 1913. Este edificio, convertido en 1938 en Museo Provincial de Belas Artes e sede da Academia, posúe o título de “real” desde 1916.
Actualmente, a Academia está estruturada en sete seccións: Pintura e Gravado, Escultura, Arquitectura, Música, Arqueoloxía e Museoloxía, Artes da Imaxe e Expertos nas Artes. Entre as súas funcións máis destacadas está o asesoramento á Xunta de Galicia e a organismos públicos en materia de patrimonio e bens artísticos, a organización de exposicións, conferencias e concertos, así como a celebración anual do Salón de Outono de Pintura, un prestixioso certame de pintura contemporánea.