Turismo da Deputación promociona na Semana Verde de Galicia en Silleda a diversidade e calidade da provincia
A área de turismo da Deputación da Coruña exhibe o potencial turístico da provincia na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que comeza hoxe en Silleda e remata o vindeiro 2 de xuño.
Faino cun stand propio no que ofrece información sobre os 8 xeodestinos: Ferrolterra; As Mariñas; Costa da Morte; Terras de Santiago; Ría de Muros – Noia; Barbanza – Arousa; Terras da Comarca de Ordes e Ulla – Tambre – Mandeo.
“Estes 8 xeodestinos nos o reflexo da diversidade da nosa provincia” apunta o vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira. “Queremos presumir desta diversidade que nos fai únicos, cunha oferta turística que inclúe destinos de costa, de interior, de montaña, urbanos e rurais... E a moi poucos quilómetros de distancia”.
“Na provincia da Coruña”, engade, “ofrecemos un turismo de calidade, que aposta por manter a autenticidade e xerar oportunidades no e para o territorio. E por iso, en feiras como esta, vendemos este turismo sostible dende o punto de vista non so ambiental, senon tamén económico e social”.
A Deputación da Coruña participa, así, noutro evento no que promociona a riqueza turística e gastronómica da provincia, sumándose a outros como Fitur, Madrid Fusión ou o Fórum Gastronómic de Barcelona, entre outros.