Tres días de cortes nas Xubias para avanzar na mellora dos accesos ao novo Chuac

A transformación dos accesos ao futuro Complexo Hospitalario Universitario da Coruña obrigará a un novo paso clave nas obras. A avenida das Xubias sufrirá un corte de tráfico durante tres días, do 30 de marzo ao 1 de abril, para permitir a demolición do viaduto da AC-012, unha actuación necesaria dentro do plan de mellora do novo Chuac.
A afección concentrarase nun treito de arredor de 300 metros dunha calzada de dobre sentido e executarase en plena Semana Santa, unhas datas escollidas por rexistrar unha menor intensidade circulatoria. O obxectivo é reducir ao máximo o impacto sobre a mobilidade nunha contorna especialmente sensible pola proximidade do hospital.
Para preparar este operativo, técnicos da Xunta e do Concello da Coruña levan semanas mantendo reunións de coordinación, nas que tamén participa a Policía Local. Este xoves celebrouse un novo encontro na Delegación Territorial da Xunta na Coruña, coa presenza ademais de representantes da Demarcación de Estradas do Estado, ADIF, a Autoridade Portuaria, a área sanitaria, os servizos de emerxencias e Audasa, entre outros organismos.
Nesas xuntanzas abordáronse os desvíos e as alternativas de circulación que permitirán acceder ao complexo hospitalario mentres duren os traballos. As administracións avanzan que a información sobre os cambios de tráfico se reforzará con nova sinalización e coa súa difusión a través dos medios de comunicación, unha vez queden pechados todos os axustes técnicos.
Tanto a Xunta como o Concello insisten en que a prioridade é minimizar as molestias para a cidadanía e garantir a fluidez do transporte público e privado. Por ese motivo, xa na semana previa ao corte iniciaranse tarefas preparatorias para sinalizar con antelación os cambios e facilitar que os condutores poidan adaptarse ao novo dispositivo.
A intervención en marcha inclúe a execución dun anel perimetral arredor do complexo hospitalario ata a intersección co viario existente no cruzamento de Curramontes con Castaño de Eirís, así como a remodelación da conexión actual entre o Chuac e a avenida das Xubias. Trátase dunha obra de notable complexidade técnica, na que sobresaen actuacións como a construción dunha nova glorieta de acceso á AC-012, cun diámetro exterior de 44 metros, e a integración do novo viario cos accesos hospitalarios e coas vías xa existentes.
Esta actuación enmárcase no plan global de mellora do acceso ao novo Chuac, unha intervención que mobiliza 500 millóns de euros e coa que a Xunta pretende converter o futuro hospital coruñés nun referente da sanidade pública galega.