Tres citas para vivir o Entroido en Coirós con choqueiros, concursos e sesión vermú

ACoruñaXa
O programa combina propostas do Concello e das asociacións veciñais, con actividades entre o 14 de febreiro e o 1 de marzo
COIROS entroido 26'
6 Feb 2026

Coirós prepárase para o Entroido 2026 cun calendario de actividades que se estende desde mediados de febreiro ata comezos de marzo e que reúne opcións para público familiar e para a veciñanza que queira participar co seu disfrace.

A primeira das citas será o sábado 14 de febreiro no campo da festa de Coirós, cun 'Entroido choqueiro' organizado pola ACDR VV Coirós. Haberá música, obradoiros e merenda, en horario de 17.00 a 20.00h. A organización indica que a actividade é de balde para as persoas asociadas.

A programación continuará o martes 17 de febreiro no polideportivo municipal, cunha festa impulsada polo Concello de Coirós que incluirá música, concursos de disfraces e de postres, ademais de chocolate con churros, inchables e máis propostas de lecer. O horario será tamén de 17.00 a 20.00h.

Xa en marzo, o domingo 1, a ACR Collantres celebrará na escola de Queirís unha xornada con sesión vermú, música e comida tradicional de Entroido. As persoas interesadas deberán poñerse en contacto coa asociación para participar.

Desde a OMIX animan a ir sacando o disfraz e lembran que se pode solicitar máis información tanto na oficina como nas propias entidades organizadoras.

⚙ Configurar cookies
0.067271947860718