Tres alumnas da UDC chegan á final do hackathon nacional HPE CDS Tech Challenge

ACoruñaXa
O certame busca fomentar o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que aborden problemas relevantes para comunidades
alumnas-udc
24 Apr 2025

O talento feminino en ciencia e tecnoloxía ten nome propio na Universidade da Coruña: PixelPixies. O equipo formado polas alumnas do Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos (GCED) Ana Cives Trillo, Inés González Rodríguez e Paula Miragaya López acaba de ser seleccionado como finalista da cuarta edición do hackathon nacional HPE CDS Tech Challenge, organizado por Hewlett Packard Enterprise.

A final do certame celebrarase do 26 ao 27 de abril en Madrid, e reunirá os cinco mellores equipos universitarios de todo o Estado, tras unha competición que comezou con preto de 400 participantes de institucións académicas de referencia. Xunto co equipo da UDC competirán Overfitters Anónimos (Universidade de Deusto), LOOPERS (UFV de Madrid), Loyola IA 1 (Universidade Loyola de Sevilla) e Null Pointers (UCLM).

As estudantes da Facultade de Informática da Coruña (FIC) contarán co acompañamento da vicedecana Paula María Castro Castro na súa viaxe á capital, onde deberán demostrar as súas habilidades en análise de datos e intelixencia artificial fronte a retos tecnolóxicos reais con impacto social e empresarial.

O HPE CDS Tech Challenge GreenLake Data Edition busca fomentar o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que aborden problemas relevantes para comunidades despoboadas ou grandes corporacións. Os desafíos abranguen temas como a eficiencia enerxética, a xestión do turismo, a migración, a seguridade, a calidade de vida ou o crecemento sostible, sempre desde a perspectiva da análise avanzada de datos e da IA.

Este hackathon converteuse nun escaparate de talento no que se pon a proba a capacidade dos equipos para aplicar a tecnoloxía en contextos do mundo real, ofrecendo respostas innovadoras a cuestións complexas.

O equipo gañador desta edición non só levará o recoñecemento do sector, senón tamén unha bolsa ou contrato coa compañía Hewlett Packard Enterprise, ademais de formación especializada e a obtención da Insignia Dixital HPE, un selo profesional con gran valor no mercado laboral. Ademais, a entidade educativa á que pertenza o equipo vencedor será galardoada cun premio colectivo tecnolóxico, recoñecendo así o papel das universidades como viveiros de talento.

⚙ Configurar cookies
0.15729904174805