Tremendo éxito do Luns de Entroido en Ordes coa vila entregada á festa e ao show de Leticia Sabater

ACoruñaXa
O pavillón Campomaior encheuse coa festa infantil e o Campo da Feira viviu unha noite multitudinaria baixo carpa con música, baile e a actuación máis agardada de madrugada
ORDES leticia sabater
18 Feb 2026

O Entroido deixou este luns en Ordes unha xornada de gran ambiente e moita participación, cun programa que combinou actividades para a rapazada e unha noite de festa que se prolongou ata ben entrada a madrugada. A primeira cita do día tivo lugar no pavillón Campomaior, onde o Concello organizou unha festa infantil na que as crianzas puideron gozar de inchables, xogos xigantes e obradoiros.

Non faltaron tampouco as propostas máis doces, con flocos e algodón de azucre, nin as actividades de maquillaxe e chapas, que completaron unha tarde pensada para o lecer familiar e para manter viva a esencia do Entroido.

Xa pola noite, a celebración mudou de escenario e concentrouse no Campo da Feira. A Asociación de Festexos da Vila de Ordes instalou unha gran carpa na que se xuntaron centos de mozos e mozas, con presenza tamén de xente chegada doutras localidades. A música correu a cargo da Discoteca CDC e do grupo Unión e Fuerza, que puxeron a bailar ao público durante horas.

O prato forte chegou de madrugada coa actuación de Leticia Sabater, un dos nomes máis agardados do cartel. A artista, cun repertorio marcado polo ton festivo, fixo vibrar á carpa e, ademais, amosou unha faceta próxima ao público, deténdose para facerse fotos e selfies con todas as persoas que llo solicitaron.

⚙ Configurar cookies
0.083065986633301