Treixadura presentará o seu último disco “Camiño longo” no Teatro Colón

ACoruñaXa
Con máis de tres décadas de traxectoria e oito discos ás costas, Treixadura é referencia da música tradicional galega
treixadura-colon
15 Apr 2025

A histórica banda galega Treixadura regresa á Coruña cun concerto no Teatro Colón o vindeiro 16 de maio, unha cita moi agardada que permitirá ao público coruñés gozar en directo do seu último traballo discográfico, Camiño longo.

Desde o Concello destacan que esta actuación enmárcase no compromiso coa promoción da cultura galega. “Levamos anos fomentando o coñecemento e o orgullo da nosa identidade a través de propostas musicais como esta ou celebracións como a Romaría de Santa Margarida, que cada vez suma máis participantes”, subliñou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

As entradas para o concerto xa están dispoñibles no despacho de billetes da praza de Ourense. O propio día da actuación tamén se poderán adquirir no teatro, se quedaran localidades libres.

Con máis de tres décadas de traxectoria e oito discos ás costas, Treixadura converteuse nunha referencia da música tradicional galega. O seu estilo, que mestura con mestría o canto colectivo e a potencia da gaita, recupera sons da nosa memoria colectiva ao tempo que os reinterpreta con sensibilidade contemporánea.

A agrupación, que conta con colaboracións destacadas como as de Rodrigo Romaní ou Kepa Junkera, convida a cada concerto a vivir unha experiencia única onde o público deixa de ser espectador para formar parte do propio espectáculo.

⚙ Configurar cookies
0.059469938278198