Treces investigadores e investigadoras da UDC sitúanse entre os mellores do mundo segundo Research.com

ACoruñaXa
O ránking internacional recoñece persoal da Universidade da Coruña en áreas como Informática, Medicina, Química, Botánica e Agronomía, Psicoloxía e Microbioloxía
A CORUÑA udc area cientifica
28 Oct 2025

A plataforma académica Research.com inclúe na súa edición máis recente trece investigadores e investigadoras vinculados á Universidade da Coruña (UDC), recoñecendo o labor científico da institución en disciplinas estratéxicas tanto para o avance tecnolóxico como para a saúde, o medio ambiente e a educación.

Na área da Informática figuran Tiago M. Fernández Caramés, Amparo Alonso Betanzos, Paula Fraga Lamas e Verónica Bolón Canedo. As súas liñas de traballo abranguen campos como a internet das cousas, os sistemas ciberfísicos, a ciberseguridade, a realidade estendida e a industria 4.0 e 5.0, así como a intelixencia artificial responsable, sostible e eficiente enerxeticamente. Neste ámbito tamén se pon o foco en algoritmos verdes e na aplicación da IA para optimizar procesos tecnolóxicos e industriais.

En Medicina destaca Francisco J. Blanco, cunha traxectoria centrada na reumatoloxía clínica e traslacional. O seu labor combina atención sanitaria e investigación biomédica para mellorar o coñecemento e o tratamento das patoloxías reumatolóxicas, nunha liña de traballo que conecta directamente co Hospital Universitario da Coruña e co Instituto de Investigación Biomédica da Coruña.

No ámbito da Química aparecen recoñecidos Carlos Platas Iglesias, Christian Kennes, Purificación López Mahía, Soledad Muniategui e Miguel A. Maestro. Estes equipos investigan o deseño de novos sistemas moleculares para diagnóstico e terapia, o estudo da calidade do aire e dos aerosois atmosféricos, a avaliación de contaminantes e riscos para a saúde, a nanotoxicoloxía e o aproveitamento de gases de efecto invernadoiro —como metano e CO₂— mediante procesos de biorrefinería e biorreactores.

En Botánica e Agronomía o nome destacado é Federico Pomar, cunha liña de investigación centrada na fisioloxía vexetal, especialmente na lignificación e no papel das peroxidasas. Estes estudos teñen impacto directo na comprensión do crecemento e defensa das plantas e, por extensión, en ámbitos produtivos vinculados ao sector agrario e forestal.

Na área da Psicoloxía, Research.com inclúe a Antonio Valle, especialista en psicoloxía educativa. A súa investigación analiza factores como a motivación do alumnado, os hábitos de estudo, os deberes escolares e os procesos de aprendizaxe autorregulada. En Microbioloxía, figura Germán Bou, ligado ao estudo de microorganismos de interese sanitario e ao avance no coñecemento das resistencias e das infeccións de orixe hospitalaria.

Research.com elabora listaxes internacionais por disciplinas a partir da análise do impacto bibliométrico, a produción científica e a relevancia das liñas de investigación. Para esta edición revisáronse máis de 160.000 perfís investigadores e ao redor de 175.000 expedientes académicos no caso das institucións universitarias, situando a UDC con presenza en seis áreas clave.

⚙ Configurar cookies
0.070158958435059