Travesía ao Dique chega á súa 52 edición con máis de 250 deportistas inscritos

ACoruñaXa
É unha actividade organizada polo Club Natación Coruña, que terá lugar o xoves 25 a partir das 11.00 horas desde as instalacións de Marina Coruña
nereida canosa na presnetacion de travesia dique
A concelleira, Nereida Canosa, na presentación do acto
24 Xul 2024

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participou no acto de presentación da LII edición da Travesía ao Dique, unha cita que terá lugar este xoves 25, a partir das 11.00 horas, con saída desde as instalacións de Marina Coruña nos peiraos do Náutico.

A travesía, organizada polo Club Natación Coruña coa colaboración do Concello, conta tamén co apoio da Federación Española de Natación e a Federación Galega de Natación, ao ser unha proba puntuable tanto na IX Copa de España de Augas Abertas coma no XX Circuíto Galego de Augas Abertas.

Nereida Canosa destacou “a importancia desta proba no calendario deportivo anual da cidade”, na que, ao igual que o ano pasado, está prevista a participación de máis de 200 deportistas, repartidos entre categorías alevín, infantil, júnior, máster e absoluta. Haberá tres quendas de saída: ás 11.00 as e os participantes no percorrido de 3.500 metros, ás 11.05 as e os inscritos en categorías máster na proba de 1.200 metros e ás 11.10 os alevíns e infantís, que tamén levarán a cabo un percorrido de 1.200 metros.

No acto deste martes, que tivo lugar nos exteriores de Marina Coruña, Canosa estivo acompañada por Raúl Solleiro, presidente do Club Natación Coruña, Ramón Mosquera, secretario xeral da Federación Galega de Natación, e por Boris Mosquera e Marta Martínez, en representación de Blue Leaders, patrocinador da proba.

Ademais do Concello, na organización do evento tamén colaboran Protección Civil e o servizo marítimo de Cruz Vermella, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas participantes.

0.19408297538757