Trasanquelos convértese en epicentro cultural coas Xornadas 'A Cultura é un dereito'

ACoruñaXa
A Fundación PazosCuchillo acolle a vixésima edición dun programa que une arte, creación e territorio, con relatorios, mesas redondas e música en directo
OZA CESURAS xornadas
29 Aug 2025

A Fundación PazosCuchillo, en Trasanquelos, acolleu a vixésima edición das Xornadas A Cultura é un dereito, impulsadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Oza-Cesuras e da propia Fundación. O encontro puxo o foco na relación entre arte, creación e territorio, ofrecendo unha ampla programación con presentacións, mesas redondas, conferencias e actividades musicais.

O acto inaugural contou coa deputada de Cultura, Natividade González, quen estivo acompañada pola concelleira Pilar Rilo, pola comisaria das xornadas, Sara Fraga, e por Montse Cuchillo, en representación da Fundación. González destacou que “a comarca das Mariñas representa un exemplo de vitalidade creativa, cun tecido cultural diverso e comprometido, no que a sociedade e os creadores construíron un mapa cultural plural e dinámico”.

As intervencións permitiron coñecer a experiencia de artistas plásticos, escritoras, músicas, produtoras, xestores culturais e responsables de espazos de referencia, favorecendo o intercambio de ideas e a creación de redes profesionais. A deputada subliñou que iniciativas como esta “consolidan á cultura como motor de cohesión, identidade e desenvolvemento para o territorio”.

O programa incluíu unha visita guiada á exposición da Fundación, un relatorio sobre a realidade socioeconómica das Mariñas, coloquios arredor dos espazos de creación e da actividade das persoas que fan cultura, ademais dun concerto final cos grupos Altalaplana e Furallefalle. Como actividade complementaria, organizouse tamén unha visita guiada polas instalacións da Fundación PazosCuchillo.

⚙ Configurar cookies
0.082107067108154