Tradición, pan e diversión: Carral prepárase para a súa Festa do Pan 2025

ACoruñaXa
O evento reivindica nesta vixésimo primeira edición o valor cultural e artesanal do seu produto estrela
carral-pan-25
16 Apr 2025

Carral prepárase para acoller unha das citas gastronómicas máis esperadas da comarca: a Festa do Pan, que este ano celebra a súa vixésimo primeira edición os días 10 e 11 de maio. O Concello e a Asociación de Panadeiros de Carral únense de novo para organizar dous días nos que o aroma do pan artesán encherá as rúas e a tradición volverá ser motivo de celebración colectiva.

Baixo o lema “O pan de Carral, unha obra de arte sen igual”, o evento reivindica o valor cultural e artesanal do seu produto estrela, recoñecido en toda Galicia pola súa calidade e sabor. A imaxe desta edición foi deseñada polo alumnado do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel, que puxo o foco no bolo como símbolo central da identidade local.

A programación da festa incluirá música en directo, feira medieval, espectáculos, degustacións e obradoiros, entre outras propostas para públicos de todas as idades. Unha das actividades máis agardadas será, como cada ano, a venda do xa tradicional bocadillo cardiosaudable, elaborado con pan de Carral, aceite de oliva, tomate e xamón, que poderá degustarse nun punto habilitado para o evento.

Os obradoiros infantís de panadería volverán ser outro dos grandes atractivos. Neles, os máis pequenos terán a oportunidade de poñer as mans na masa e aprender a facer os seus propios bolos, mantendo viva a tradición panadeira desde idades temperás.

Con esta festa, Carral non só celebra o seu produto máis emblemático, senón que tamén promove a identidade local, o comercio de proximidade e os valores dunha alimentación saudable e sostible.

⚙ Configurar cookies
0.12140607833862