Traballadores de Jevaso SL, en Arteixo, mobilízanse para reclamar condicións dignas

UGT anunciou unha concentración do cadro de persoal de Jevaso SL para o mércores 5 de novembro, entre as 13.00 e as 14.00 horas, diante das instalacións da compañía na Avda do Embalse 87B (polígono de Sabón, Arteixo). O sindicato chama a mobilizarse para reclamar melloras laborais e denunciar o que considera un deterioro do clima interno.
Segundo UGT, a empresa amosa un crecemento externo nos últimos anos, é dicir,máis contratos e facturación, pero o persoal percibe retrocesos nas súas condicións. O sindicato atribúe este cambio á etapa dirixida por Alberto Vázquez e asegura que se reduciu o diálogo interno, que as respostas ás peticións son escasas e que a formación resulta insuficiente para o desenvolvemento profesional.
No contexto da negociación do convenio colectivo téxtil, UGT sostén que Jevaso estaría aplicando mecanismos como a absorción de pluses e a eliminación de determinados complementos, co resultado de salarios que non reflectirían nin a antigüidade nin incentivos como o plus de non absentismo. O sindicato afirma que, na práctica, traballadores con moitos anos na empresa poden estar a percibir cantidades similares ás de novas incorporacións.
A organización sindical tamén sinala que se intensificaron os ritmos e o control do tempo de descanso, e que houbo saídas de persoal experimentado sen explicacións que o sindicato considere obxectivas. UGT critica, ademais, comunicacións internas que desincentivarían reunións entre compañeiros fóra do horario laboral.
A central subliña que Jevaso traballa para marcas de primeira liña do téxtil e apela a que os compromisos públicos en materia social se trasladen á cadea de subministración. A mobilización do mércores pretende visibilizar estas reivindicacións e abrir unha canle de negociación efectiva.