Terras de Ordes preséntase en FITUR como ‘o primeiro xeodestino mural’ de España

ACoruñaXa
A Mancomunidade levará a Madrid este xoves 22 de xaneiro, ás 18.30 horas, a marca turística da comarca e un audiovisual sobre os seus atractivos, dentro do stand de Turismo de Galicia en IFEMA
ORDES mancomunidade fitur
20 Jan 2026

A Mancomunidade de Ordes aproveitará o escaparate de FITUR 2026 para promocionar Terras de Ordes como ‘o primeiro xeodestino mural’ de España, unha proposta centrada na arte urbana ao aire libre e na creación dunha oferta turística arredor dos murais repartidos pola comarca. A presentación está programada para este xoves 22 de xaneiro ás 18.30 horas no espazo de Turismo de Galicia, dentro da feira que se celebra en IFEMA (Madrid) do 21 ao 25 de xaneiro.

Segundo avanzou a entidade, en FITUR proxectarase un vídeo titulado ‘Hay lugares que no solo se visitan, se sienten’, no que se porán en valor lugares por descubrir e tamén a axenda de eventos que se desenvolven ao longo do ano. A peza audiovisual inclúe, ademais, a referencia a máis de 120 murais que se converteron nun reclamo para visitantes de distintos puntos de España e tamén do estranxeiro.

A Mancomunidade lembra que estes recursos están localizados dixitalmente e que a web funciona como punto de partida para planificar rutas, coñecer os atractivos do territorio e mercar produtos turísticos, entre eles a ruta do Museo de Arte ao Aire Libre vinculada ao chamado ‘xeodestino mural’.

A presenza en FITUR súmase ás accións de promoción realizadas en edicións anteriores, nas que a comarca puxo o foco en propostas como rutas fluviais, tramos vinculados ao Camiño de Santiago e a Vía Verde, co obxectivo de reforzar a súa visibilidade turística nun eixo moi conectado con Santiago e A Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.093581914901733