Terra e Costa da Egoa coróanse como vencedores do Tapeando Carral 2025, que supera as 6.000 tapas servidas

O Concello de Carral deu a coñecer as tapas gañadoras do Tapeando Carral 2025, unha edición especialmente exitosa na que os once establecementos participantes chegaron a servir máis de 6.000 elaboracións a veciños e visitantes da comarca. O premio do xurado profesional recaeu na proposta 'KM.0' do Restaurante Terra, mentres que os Montadiños de polbo do local Costa da Egoa se alzaron co galardón do xurado popular. Ademais, os premios do público foron para Alexis Míguez García, Nuria Insua Bello e Carolina Mosquera Caamaño.
O notable volume de participación, que consolida o certame como un dos eventos gastronómicos de referencia na zona, levou ao Concello a valorar a ampliación das iniciativas de promoción da hostalaría local de cara ao vindeiro ano, co obxectivo de reforzar e dinamizar un sector que consideran fundamental para a economía municipal.
A concelleira de Cultura, Comercio e Turismo, Isabel López, expresou a súa satisfacción polos resultados acadados e salientou o labor dos profesionais participantes. 'Queremos agradecer o inmenso traballo realizado por todas e todos os nosos hostaleiros', afirmou. Tamén subliñou que desde o Concello 'traballamos continuamente para apoiar os nosos locais, que constitúen un sector clave para a economía local e un importante punto de encontro para a nosa veciñanza'.