Tentáculo Rock e Noxem alzan os máximos premios de 'Quero Cantar' 2026

O talento máis novo da música galega volveu reclamar este domingo 12 de abril o seu espazo no escenario. O Teatro Colón da Coruña rexistrou un cheo total na gala final de 'Quero Cantar' 2026, unha cita xa consolidada no calendario cultural que reuniu seis propostas finalistas e deixou como gañadoras a Tentáculo Rock, na modalidade infantil, e a Noxem, na xuvenil.
A novena edición do certame, impulsado para promover a creatividade musical en galego entre a infancia e a mocidade, converteu o teatro coruñés nun escaparate de cancións orixinais, estilos diversos e mensaxes propias. Sobre as táboas, os grupos finalistas demostraron soltura e oficio malia a súa curta idade, nunha final que tamén puxo en valor a capacidade de nenas, nenos e adolescentes para compoñer no noso idioma e contribuír á súa difusión.
Na categoría infantil, o primeiro premio foi para Tentáculo Rock, de Ames, coa peza 'Vou a cento vinte'. A banda ten a súa orixe en 2017, cando Carlos Nieto, Leo Figueiras e Lois García se coñeceron na escola unitaria A Igrexa de Ortoño. Aquel proxecto inicial evolucionou en 2025 coa incorporación de Martiño Ramos e a transformación do grupo no actual Tentáculo Rock. Desde entón, compaxinan a súa formación musical e académica con ensaios semanais e a creación de temas propios.
O segundo posto nesta modalidade foi para O Mar dos Sentimentos, do CEIP de Caión, con 'Nada pode pararme', mentres que o terceiro premio recaeu en Libres, do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar de Ourense, coa canción 'Quero brillar coma ti'.
Na categoría xuvenil, o xurado escolleu como proposta gañadora a Noxem, de Vigo, pola canción 'Esperta'. O grupo, antes coñecido como Wildfire, xa fora finalista na edición anterior e está integrado por catro rapazas de 15 e 16 anos: Uxía García, Nora Lora, Uxía Romero e Maya Sáez. Formadas no IES Alexandre Bóveda, presentan unha sonoridade de base rock aberta a influencias do metal, do pop, do punk e do grunge. Na peza vencedora abordan emocións como a inseguridade, a vergoña, o arrepentimento e a dor de non sentirse suficiente.
Completaron o podio xuvenil Tha Filez, de Santiago de Compostela, co tema 'Rebelión', e Son da Lúa, de Cangas do Morrazo, con 'O meu mozo virtual'.
A deputada responsable da área de Cultura, Natividade González Rodríguez, aproveitou a gala para agradecer o apoio das familias e do profesorado de música, aos que atribuíu un papel fundamental no acompañamento do alumnado. Tamén reivindicou a importancia dun concurso que chega á súa novena edición co obxectivo de promocionar o uso da lingua galega a través da creación poética e musical, e avanzou xa a vista posta nun 2027 no que 'Quero Cantar' celebrará o seu décimo aniversario.
Ademais do recoñecemento, os premios inclúen a gravación dunha maqueta en estudo profesional para os grupos distinguidos. No caso das propostas gañadoras, a categoría infantil suma tamén a gravación dun videoclip e material musical ou produtos culturais en galego por valor de 1.500 euros. Na xuvenil, o premio engade un programa formativo específico con titorización creativa, residencia artística, gravación profesional e un obradoiro práctico para dar os primeiros pasos no mundo da música. Os segundos clasificados recibirán material por valor de 1.000 euros, mentres que os terceiros terán un premio de 500 euros.