Teixeiro reafirma o seu protagonismo no mundo ecuestre coa XXIV Festa do Cabalo

A localidade de Teixeiro, no Concello de Curtis, converteuse novamente nun punto de referencia para o mundo ecuestre coa celebración da vixésimo cuarta edición da tradicional Festa do Cabalo. Organizado polo Concello en colaboración con diversas entidades e asociacións do sector, este evento contou cunha destacada participación e unha programación renovada que puxo en valor a riqueza da equitación galega.
Por primeira vez, a festa integrou nun mesmo evento as probas morfolóxicas oficiais da Copa Galicia de Pura Raza Galega xunto ás probas federadas de andadura, que contan para o Campionato Galego. Ademais, incluíronse modalidades tradicionais de andadura, como a tradicional (dous tempos) e a chapeada (catro tempos), destinadas a participantes non federados, ampliando así a súa accesibilidade.
Ao longo de toda a xornada repartíronse máis de 5.300 euros en premios, recoñecendo o esforzo, a calidade e o talento dos criadores, domadores e xinetes que participaron nas diferentes categorías e modalidades.
Un dos momentos máis destacados da festa foi o espectáculo ecuestre de Santi Serra, mestre da doma natural e recoñecido internacionalmente como “susurrador de cabalos”, que actuou por primeira vez na provincia da Coruña, ofrecendo unha actuación memorable que emocionou ao público asistente.
Desde a organización, valoran moi positivamente o éxito da edición e agradecen a todas as persoas participantes, colaboradoras e asistentes, subliñando que esta celebración consolida a Festa do Cabalo de Teixeiro como unha das citas ecuestres máis importantes de Galicia.