Teixeiro acolle as xornadas 'Mulleres lideresas migrantes no emprego do fogar e os coidados' da Deputación

O Centro Etnográfico Río Mandeo, en Teixeiro (Concello de Curtis), é desde hoxe o escenario das xornadas 'Mulleres lideresas migrantes no emprego do fogar e os coidados', organizadas pola área de Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña en colaboración coa asociación Movilidad Humana. O encontro nace co obxectivo de crear un espazo de diálogo, recoñecemento e fortalecemento colectivo arredor do papel esencial que desempeñan as mulleres migrantes no ámbito dos coidados e do traballo doméstico.
A deputada provincial de Igualdade e Dereitos Civís, Sol Agra, foi a encargada de inaugurar a programación, acompañada por Guadalupe Hernández, integrante do equipo técnico de Movilidad Humana. Agra explicou que durante estes dous días 'imos poñer o foco nas mulleres migrantes que sosteñen o traballo do fogar e os coidados na Galiza, ofrecéndolles un foro propio para colocar as súas reivindicacións no centro da axenda social e política'.
Na súa intervención, a deputada subliñou que moitas das respostas ás situacións de precariedade que atravesan estas traballadoras pasan por 'unha nova lei de estranxeiría, con máis sentido común e humanidade nos prazos'. Lembrou que toda a vida das mulleres migrantes queda condicionada ás esperas burocráticas para obter cita en estranxeiría, permisos de residencia e de traballo, homologación de estudos ou a posibilidade de volver visitar as familias nos países de orixe, 'un camiño longo, cheo de atrancos, que moitas veces fai perder o ánimo'.
Agra lembrou que, aínda que a Deputación non ten competencias lexislativas, si pode actuar a través das políticas públicas. Nese sentido destacou o apoio económico que se destina aos concellos, sobre todo aos máis pequenos, para garantir servizos sociais, cultura e infraestruturas, así como as liñas de subvencións a entidades sociais e asociacións que acompañan ás persoas migrantes no seu proceso de integración. 'Temos que ser terra de acollida', concluíu, 'porque a nosa propia sociedade tamén foi acollida noutras moitas veces, escapando da fame ou da guerra en busca dun futuro mellor para as fillas e os fillos'.
A programación combina mesas de diálogo con espazos de coidado e reflexión compartida arredor dos dereitos laborais, a saúde mental, as violencias e as estratexias de incidencia política. Para hoxe estaban previstas, entre outras, as sesións 'Liña do tempo de dereitos. Traballadoras do fogar e coidados', con Silvia Carrizo, presidenta de Malen Etxea, cun horario de 10.30 a 14.00 horas, e unha intervención sobre plataformas dixitais e precariedade das empregadas do fogar a cargo da socióloga da UDC Raquel Martínez Buján.
Tamén se abordan temas como as loitas colectivas para esixir dereitos e o desemprego, con Ismael Sánchez Jiménez, avogado de SEDOAC, os dereitos humanos e as violencias que padecen as traballadoras do fogar, analizados pola xurista experta en xénero e dereitos humanos Tania Sordo Ruiz, ou a xubilación das mulleres migrantes, de novo da man de Silvia Carrizo. A tarde complétase cun relatorio sobre saúde mental das traballadoras do fogar e dos coidados, impartido pola psicóloga Gabriela Frías, e co espazo 'Sanación e reparación do corpo', conducido pola terapeuta social Sara Álvarez, antes dun obradoiro creativo titulado 'O corpo como manifesto', coordinado por Dhali Illingworth, directora da Asociación da FIADA, previsto entre as 21.00 e as 22.00 horas.
As xornadas continuarán mañá cun programa que inclúe unha intervención sobre apoio ás organizacións de mulleres migrantes traballadoras do fogar e dos coidados, a cargo de Ximena Medina Mejía, de Oxfam Intermón, novos espazos de 'Sanación e reparación do corpo' con Sara Álvarez e un diálogo sobre procesos asociativos de mulleres, con Julia Acevedo (presidenta de Mexicanos en Galicia), Soledad Lucero (coordinadora de Movilidad Humana) e Ayelen Etchegaray (Fundación Ronsel).
Pola tarde haberá unha mesa centrada nas experiencias da mocidade e das fillas e fillos das traballadoras do fogar, con Valentina Paredes, de Movilidad Humana, e Sara Cutoiapala, presidenta da Asociación de Trabajadoras del Hogar de Murcia, ademais dun espazo para compartir reflexións desde as propias voces e corpos das participantes. O peche das xornadas está previsto cunha lectura colectiva dun manifesto entre as 18.30 e as 19.30 horas.