Teixeiro acolle a XXIV Festa do Cabalo con concursos, andadura e un espectáculo ecuestre de Santi Serra

O vindeiro domingo 3 de agosto, Teixeiro converterase no epicentro do mundo ecuestre en Galicia coa celebración da XXIV Festa do Cabalo, un evento organizado polo Concello de Curtis que reunirá unha ampla programación de actividades pensadas para amantes do cabalo de todas as idades.
Ao longo de toda a xornada, o público poderá asistir a concursos morfolóxicos, probas de andadura —tanto para federados como non federados— e un espectáculo ecuestre de referencia, que nesta edición correrá a cargo do recoñecido domador internacional Santi Serra, coñecido polas súas exhibicións baseadas na doma natural e a conexión emocional cos animais.
A actividade comezará ás 10.00 horas co Concurso Morfolóxico Oficial da Copa Galicia, proba puntuable para a “XXIV Copa Galicia de Cabalos e Eguas de Pura Raza Galega”, organizada pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Participarán sementais e eguas maiores de tres anos, así como cabalos cruzados e ponis. Os premios desta categoría oscilan entre os 130 e os 50 euros.
As probas de andadura desenvolveranse en dúas pistas. Na pista 1, destinada a participantes non federados, celebraranse catro probas entre a mañá e a tarde: andadura galega tradicional e andadura chapeada. Na pista 2, terá lugar o Campionato Galego de Andadura para cabalos federados, cunha programación que inclúe competicións para cabalos de menos e máis de 1,50 metros de alzada.
A partir das 18.00 horas, terá lugar o espectáculo central da xornada, protagonizado por Santi Serra, que achegará ao público a súa particular visión da doma natural.
Ao remate, ás 19.15 horas, realizarase a entrega de premios, seguida dun sorteo dun equipo completo de equitación entre todas as persoas participantes.
As inscricións para os concursos morfolóxicos e as probas de andadura non federadas están abertas ata o 30 de xullo ás 12.00 horas a través do correo electrónico: secretaria@cabalogalego.com.
Unha cita que consolida a Teixeiro como referente nas festas ecuestres galegas e que busca, un ano máis, poñer en valor o cabalo galego e a tradición vinculada ao seu coidado e exhibición.