‘Tecelás da Terra’ preséntase en Betanzos como unha rede ecofeminista de sementes e saberes vinculada ás bibliotecas públicas

ACoruñaXa
O proxecto, premiado no VII Premio Luísa Villalta pola igualdade, recibiu 12.281,50 euros da Deputación e desenvolverase en Ferrolterra, Ortegal e Betanzos
BETANZOS tecelás da terra
28 Jan 2026

A iniciativa Tecelás da Terra. Sementes con memoria e futuro, recoñecida no VII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, presentouse este mércores en Betanzos nun acto no que participou a Deputación da Coruña xunto con representantes municipais e persoas impulsoras do programa.

Tecelás da Terra é unha das oito propostas premiadas nunha convocatoria na que se rexistraron 22 solicitudes. A Deputación achega 12.281,50 euros para a súa posta en marcha, tras ser valorada polo xurado como unha proposta coherente e innovadora, cun enfoque ecofeminista.

O proxecto articúlase como un proceso comunitario no que as participantes comparten sementes, coñecementos e experiencias, co obxectivo de recuperar e transmitir saberes tradicionais ligados á terra e facilitar o intercambio interxeracional. Un dos piares da iniciativa é a creación dunha Biblioteca de Sementes Ecofeminista, concibida en conexión coa rede de bibliotecas públicas da provincia, para darlles ás sementes unha dimensión tamén cultural e educativa.

O programa desenvolverase en distintos puntos do territorio provincial, con presenza en Ferrolterra e Ortegal, ademais de Betanzos, e prevé encontros e obradoiros para facilitar o intercambio e consolidar a biblioteca como un espazo vivo de reflexión e acción colectiva arredor dun modelo alimentario máis xusto e sustentábel. Entre os municipios aos que se achegará a iniciativa figuran Cedeira, Mañón e Betanzos.

⚙ Configurar cookies
0.078949928283691