Teatro, luz violeta e recoñecementos para celebrar o 8M en Arteixo co lema 'Mulleres impulsoras do cambio'

ACoruñaXa
Arteixo programa para marzo a X Xornada 'Arteixo activo... en feminino', con mesa redonda e homenaxe ás 'Mulleres de Arteixo 2026'
ARTEIXO 8m
7 Mar 2026

Arteixo reforza este mes a súa programación polo Día Internacional da Muller cunha campaña baixo o lema 'Mulleres impulsoras do cambio', que combina propostas culturais, accións simbólicas e un encontro centrado na igualdade e no asociacionismo.

A primeira cita chegou este 6 de marzo coa representación da obra 'Manual de patronaxe', da compañía Teatro do Noroeste, no Auditorio do CCC Arteixo Manuel Murguía ás 20.30 horas.

Xa o 8 de marzo, o Concello sumará unha acción visual coa iluminación da fachada da casa consistorial, unha iniciativa coa que se busca visibilizar a conmemoración do 8M na rúa.

O programa pecharase o 27 de marzo coa X Xornada 'Arteixo activo... en feminino', que se celebrará de 17.30 a 19.30 horas no Centro Tecnolóxico de Arteixo. A xornada incluirá a lectura do manifesto a cargo de Inés Ramos Álvarez, concelleira de Igualdade, Servizos Sociais, Sanidade e Educación, e unha mesa redonda con participación de Ana Ramos Ramos (Asociación Mulleres do Sector Público), Andrea Manuela García Corzo (Fondo Galego de Cooperación) e Ana López Lorenzo (Asociación Mulleres en Igualdade).

No marco do encontro realizarase tamén o recoñecemento 'Mulleres de Arteixo 2026', que nesta edición destacará a María Teresa Carnota Fernández, María José Carnota Fernández e Mª Aurora Verdía Abelenda pola súa contribución ao asociacionismo no municipio.

Para asistir á xornada do día 27 é preciso inscribirse, ben mediante o código QR do cartel ou a través do CIM, no 981601415 e no correo muller@arteixo.org. As prazas estarán dispoñibles ata completar aforo.

0.13430190086365