Tanxugueiras volven ao Coliseum para estrear en directo en Galicia ‘O Cuarto’

GaliciaXa | ACoruñaXa
A cita do 17 de outubro será a única oportunidade de velas en Galicia en 2026, nun espectáculo pensado para celebrar e estrear o seu novo álbum
Tanxungueiras
3 Mar 2026

Tanxugueiras celebran dez anos de traxectoria cun regreso por todo o alto ao Coliseum da Coruña. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro subirán ao escenario o 17 de outubro para presentar ‘O Cuarto’, o seu novo traballo discográfico e un paso máis na evolución dun proxecto que mudou o panorama da música galega na última década.

A actuación preséntase como unha cita única e exclusiva, xa que será a única oportunidade de ver o grupo en Galicia ao longo de 2026. Ademais de funcionar como celebración do aniversario do trío, o concerto servirá como estrea en directo no país do seu cuarto álbum, producido xunto con Iago Pico e Gabi Fernández, no que reafirman o seu compromiso coa lingua e co folclore galegos.

O retorno ao Coliseum ten tamén unha carga simbólica evidente. A banda xa fixera historia no recinto en decembro de 2023, cando pechou a xira de ‘O Diluvio’ e pendurou o cartel de ‘sold out’, reunindo preto de 9.000 persoas. A cidade, ademais, xa vivira o seu tirón masivo nos concertos da praia de Riazor como cabezas de cartel do Festival Noroeste Estrella Galicia 2022.

Desde o Concello, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, apuntou que a aposta municipal por dar visibilidade á cultura e á música galegas permite ofrecer ‘espazos de calidade’ a artistas do potencial de Tanxugueiras.

As entradas poderán mercarse a partir das 12.00 horas do mércores 4 de marzo na web oficial e no despacho de billetes da praza de Ourense.

0.12053203582764