Taller de carbón activado con microorganismos en Arteixo

O ciclo formativo de nutrición do solo organiza en Arteixo un obradoiro práctico de iniciación para aprender a elaborar carbón activado con microorganismos, pensado para mellorar a saúde do solo en hortas e xardinería. A sesión celebrarase o sábado 4 de outubro, de 10.00 a 14.00, no Parque Municipal de Monticaño (Pastoriza), e vai dirixida a persoas afeccionadas que queiran iniciarse en técnicas sinxelas e de baixo custo para enriquecer os seus cultivos.
O formador será Javier Cotelo Rama, responsable do EME, quen combinará explicación teórica e práctica. O temario abordará as propiedades e usos do carbón activado; a construción dun forno caseiro de pirólise; a selección e carga de materiais e o acendido; o control da queima e o apagado sen osíxeno; e, por último, o triturado e a inoculación con microorganismos para potenciar a actividade biolóxica do substrato.
O obradoiro ofrece 15 prazas que se adxudicarán por orde de inscrición, con prioridade para persoas empadroadas en Arteixo e para clientela de SumarTE (Servizo Municipal de Augas) e BiciArteixo. O prezo é de 15 euros para empadroados/as, clientela de SumarTE e asimilados, e de 25 euros para inscrición xeral. As solicitudes que queden sen praza pasarán a unha lista de agarda e serán convocadas para a próxima edición.
A inscrición debe formalizarse a través da ligazón facilitada pola organización. Para participar é imprescindible levar material de protección persoal: luvas, gafas de traballo e máscara FFP2. A actividade enmárcase nun ciclo de obradoiros curtos de catro horas orientados a elaborar enmendas que favorezan a nutrición e a saúde do solo tanto en cultivo como en xardinaría.