TABÚ, danza contemporánea que revisa a historia do fútbol feminino, chega a Oleiros

ACoruñaXa
O Colectivo Glovo presenta o sábado 18 de outubro no auditorio García Márquez un espectáculo que explora a vida de pioneiras pouco coñecidas
OLEIROS obra Tabú
13 Oct 2025

A programación cultural de outono do Concello de Oleiros continúa co espectáculo de danza contemporánea TABÚ, a cargo do Colectivo Glovo, que se poderá ver o vindeiro sábado 18 de outubro ás 20:30 horas no auditorio García Márquez, en Mera.

Dirixido por Esther Latorre e Hugo Pereira, o espectáculo inspírase nunha fotografía histórica descuberta no centro de Allariz, concretamente no cruzamento das rúas da Cruz e Fonteiriña, datada en 1925 e obra de Manuel Riesco. Na imaxe aparece un grupo de mulleres vestidas coas camisolas de dous equipos de fútbol, Arnoia de Allariz e Celanova, cunha actitude desafiante e elegante, baixo o título 'Equipo de fútbol feminino no vello campo de Vilanova'.

O espectáculo propón un percorrido polo misterio que rodea estas pioneiras: quen eran estas mulleres, que sucedeu no partido e cal foi o seu destino? Así, TABÚ mergúllase nas historias de vida feminizadas que aínda quedan por descubrir.

O espectáculo está dirixido a todos os públicos e o prezo da entrada é de 4,00 euros. As entradas poden adquirirse a través da plataforma electrónica ou na billeteira do auditorio, a partir dunha hora antes do inicio.

⚙ Configurar cookies
0.080341100692749