Suspéndese a xornada dominical do Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras por mal tempo

ACoruñaXa
A competición concentrarase na tarde do sábado ante o risco que supoñen as condicións do mar
Imaxe da competición do Bandeira Teresa Herrera
Imaxe da edición 2024
29 Aug 2025

A Coruña verá alterado o calendario do Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras debido á previsión meteorolóxica adversa para o domingo. Segundo informou o Concello, o Comité de Seguridade, en colaboración coa Federación Galega de Remo e a Asociación Liga Noroeste, decidiu suspender a xornada do domingo pola mañá para garantir a seguridade das tripulacións.

As previsións indican marusía con ondas de entre 3 e 4 metros, ventos de 12 a 16 nós con refachos de ata 22 nós, valores que superan os límites permitidos polos protocolos de seguridade. As probas realizadas ao longo da semana confirmaron que a ondada dificulta o embarque e a instalación do tren de balizas, facendo inviable a celebración da proba no horario inicialmente previsto.

En consecuencia, a competición trasladarase á tarde do sábado, adoptando un formato de regata en liña con cinco boias e quendas lanzadas cada minuto. O horario previsto é o seguinte:

Categoría feminina
17.30 horas: 1º a 5º da LGT
17.31 horas: 6º a 10º da LGT

Categoría masculina
18.00 horas: 6º a 9º de Liga A
18.01 horas: 1º e 5º de Liga B con 10º e 11º de Liga A
18.30 horas: 1º a 5º de Liga A

No caso de que o mar non permita a regata en liña, a proba realizarase en modalidade contrarreloxo, e tamén se valorará a posible suspensión se as condicións permanecen desfavorables. O Concello agradece a comprensión da cidadanía e das entidades participantes e destaca o labor da organización para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento da competición.

⚙ Configurar cookies
0.18554615974426