Susana Rodríguez Gacio clausura o Congreso Nacional de Rehabilitación cunha charla aberta

A médica rehabilitadora do SERGAS e medallista paralímpica galega, Susana Rodríguez Gacio, será a encargada de poñer o broche final ao 63º Congreso Nacional da Sociedade Española de Rehabilitación e Medicina Física (SERMEF), cunha conferencia aberta ao público titulada "As claves do éxito". O acto terá lugar este venres 30 de maio, ás 17.00 horas no Auditorio Gaviota do Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco).
Rodríguez Gacio estará acompañada pola xornalista galega Mónica Martínez, quen conducirá unha conversa co obxectivo de afondar na traxectoria vital e profesional da deportista e facultativa viguesa, convertida nun exemplo de superación tanto no eido deportivo como no sanitario.
Natural de Vigo, Susana Rodríguez naceu con albinismo e unha discapacidade visual severa, pero iso non lle impediu perseguir con paixón dúas vocacións: a medicina e o deporte. Especialista en Medicina Física e Rehabilitación no Hospital Álvaro Cunqueiro, tamén é diplomada en Fisioterapia e licenciada en Medicina. No ámbito deportivo, acadou o máis alto: colgouse a medalla de ouro na proba de tríatlon paralímpico (clase PTVI) nos Xogos de Toquio 2020 e París 2024.
En 2021 foi portada da prestixiosa revista Time polo seu labor durante a pandemia da COVID-19, e en 2024 converteuse nunha das figuras homenaxeadas pola coñecida marca Barbie, que lle dedicou unha boneca na súa colección de referentes femininos do deporte.
O acto será unha oportunidade única para coñecer de preto unha figura inspiradora que encarna os valores da perseveranza, a vocación de servizo público e o esforzo continuo por superar límites. A entrada á conferencia é libre ata completar aforo.