'Sophie non é o meu nome de guerra' chega a Sada dentro da programación do 25N

O Concello de Sada incorporará o teatro á súa programación con motivo do 25N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, coa representación da peza 'Sophie non é o meu nome de guerra' o vindeiro domingo 23 de novembro ás 19.00 horas na Casa da Cultura Pintor Lloréns. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.
'Sophie non é o meu nome de guerra' é un espectáculo de teatro contemporáneo producido pola compañía Redrum Teatro a partir do texto homónimo de Roberto Pascual, recoñecido co Premio Rafael Dieste de textos teatrais 2021 da Deputación da Coruña. A obra está dirixida por Laura Míguez e protagonizada polas intérpretes Alixa Ladson e Camille Hedouin.
A peza inspírase nunha historia real e reconstrúe a dura viaxe de Sophie, unha muller africana que emprende un percorrido entre Camerún e A Coruña, atravesando diferentes países e fronteiras, e enfrontándose á violencia familiar, á trata con fins de explotación sexual, ao racismo e ás políticas migratorias europeas máis restritivas.
O espectáculo pon o foco na dignidade das mulleres migrantes, na súa loita por unha vida plena e libre de violencias e na necesidade de que estes relatos non queden invisibilizados.
Dirixido a público adulto, 'Sophie non é o meu nome de guerra' combina o relato íntimo e testimonial cunha posta en escena contemporánea para denunciar a trata de mulleres, a violencia machista e os discursos de odio contra as persoas racializadas, converténdose nunha das propostas teatrais máis destacadas deste ano no país.