Soavila Rural abre a aldea para todos: ‘Queremos recuperar o espazo comunitario e protexer a infancia’

Por Noelia Uceira Vilar
Falamos coas tres socias fundadoras de Soavila Rural —Eva, Cata e Sonia— para coñecer de primeira man o proxecto que están a poñer en marcha na aldea de Soavila, en Carral. Eva é graduada en Criminoloxía, experta en Intervencións Asistidas con Animais (IAA) e técnica en deportes; Cata é graduada en Bioloxía, doutora en bioloxía molecular e formada como doula, con especial interese na crianza consciente e o xogo na natureza; e Sonia é técnica superior en Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas, titulada en Criminoloxía e con unha marcada vertente creativa. Xuntas están a adaptar unha finca rural para transformar o espazo nunha iniciativa comunitaria de formación, coidado e inclusión.
Cal é o propósito do proxecto?
Soavila Rural quere conservar e revitalizar a aldea como espazo comunitario e de benestar. Ofrecemos acompañamento a persoas de todas as idades —con especial atención a colectivos vulnerables— e promovemos a crianza consciente, o contacto coa natureza, o autocoidado e prácticas sostibles. O obxectivo é crear un entorno seguro e formativo no que a infancia e as persoas en vulnerabilidade reciban apoio real.

Cal é a misión e que obxectivos perseguides?
Queremos devolverlle á aldea o que moitos esqueceron: un lugar para aprender, coidar e medrar. Aquí queremos combinar lecer saudable e educación de calidade con iniciativas de desenvolvemento persoal, recuperar terras con agricultura ecolóxica, protexer á infancia e apoiar a quen máis o necesita, ademáis de poñer en valor oficios e tradicións rurais, sempre respectando o benestar dos animais.
Cando e como naceu Soavila Rural?
Soavila Rural formalizouse o 16 de maio de 2025, pero a idea e o traballo previo ven de moito antes. Eva foi a que o iniciou todo, xa que estivo buscando persoas interesadas dende 2023, porque a idea de crear un espazo en comunidade en contacto coa natureza sempre estivo rondandolle a cabeza. A través das redes contactou con Cata e máis tarde incorporouse Sonia. A formalización administrativa foi o seguinte paso para dar estrutura ao proxecto, pero previamente houbo un longo proceso de preparación, definición de obxectivos e procura do espazo, que se apoiou no esforzo persoal e familiar.
Onde estades e como é o entorno?
Estamos en Soavila, unha aldea do concello de Carral, a uns 20 km de A Coruña. Por eso o proxecto chámase Soavila Rural. Engadimos a palabra ‘Rural’ para visibilizar o noso compromiso co entorno, xa que este e a propia finca son o eixo do proxecto. Aquí, calquera que o precise pode participar nalgunha actividade, ou simplemente pasar o día de forma tranquila e conectar coa natureza.

Que desafíos tedes neste comezo?
Os principais retos son económicos, xa que a falta de financiamento limita o acondicionamento da finca e a compra de materiais. Ademáis, aínda nos estamos dando a coñecer, polo que de momento a participación é baixa nas novas iniciativas. A esto únese a carga burocrática, que consume moito tempo en xestións administrativas para poder ter todo ó día.
A que público vos dirixides?
Nos diriximos a persoas de todas as idades: familias, infancia, mocidade, persoas maiores e colectivos en risco. A medio prazo queremos desenvolver programas específicos para nenos e adolescentes en risco, persoas con diversidade funcional, mulleres, familias en situación de vulnerabilidade e persoas maiores que viven en soidade. En resumo, todo o que o necesite é benvido.
Que actividades previstas ides desenvolver?
Ofreceremos talleres e cursos sobre benestar, autocuidados e desenvolvemento persoal e actividades educativas e recreativas para infancia e familias. Tamén queremos desenvolver programas de sensibilización ambiental e agricultura ecolóxica, ademáis de accións de voluntariado relacionadas coa protección da infancia e apoio a colectivos vulnerables. Ademáis, na finca contamos con algúns animais, polo que tamén queremos desenvolver proxectos de coidado e benestar animal e eventos e feiras de promoción da cultura rural. En resumo, un pouco de todo con tal de crear comunidade e novas formas de lecer.

Hai algún proxecto destacado agora mesmo?
Actualmente estamos a acondicionar as instalacións, a traer os primeiros animais e a recadar fondos. Temos previsto un mercado de segunda man para o 1 e 2 de novembro, onde o sábado haberá unha charla sobre o ciclo menstrual impartida por Cata. Neste mes tamén temos pensado impartir unha xornada de plantación de árbores e froiteiras.
Que pensades facer na finca cos animais?
A curto prazo imos ofrecer xornadas puntuais de educación canina e equina, orientadas ao público en xeral e a persoas que queiran mellorar a convivencia cos seus animais e máis adiante buscamos impulsar un club de canicross e desenvolver proxectos de Intervencións Asistidas con Animais. Para facer esto posible, queremos contar con profesionais cualificados e con recursos de financiamento, polo que de momento é unha idea a facer no futuro.
Como pode colaborar alguén con Soavila Rural? Procurades perfís concretos?
Pódese colaborar difundindo a iniciativa nas redes, ofrecendo voluntariado ou apoiando economicamente. Non hai un perfil único: valoramos moito ás persoas comprometidas co proxecto, que sean creativas e con sensibilidade cara ao rural, o comunitario e o social. A maiores, a capacidade de traballo en equipo, a iniciativa e o respecto pola diversidade son cualidades moi apreciadas. Os interesados poden contactar con nós polos canles oficiais coas súas propostas e dispoñibilidade.
Queres colaborar con outras entidades?
Si. Queremos abrir o espazo a proxectos con concellos, colexios, asociacións e outras organizacións para multiplicar o impacto e atender necesidades concretas da contorna de Carral.
Que impacto queredes ter en Carral?
Pretendemos ser un punto de referencia local que recupere o sentimento de aldea: ofrecer actividades culturais e formativas, apoiar a familias e colectivos e crear un espazo no que a xente se sinta benvida para participar, aprender e convivir.
Que canles utilizades para comunicar as actividades?
A rede máis activa é Instagram. Tamén estamos en Facebook e temos unha páxina web, aínda que está en construción. Ademais mantemos o boca a boca para chegar á comunidade local, que é a nosa principal prioridade.
Onde vos vedes en cinco anos?
Vemos este comezo como a construción de cimentos. En cinco anos agardamos ter polo menos un proxecto estable que xere emprego local e consolide Soavila Rural como un espazo de referencia na comarca.
Como mensaxe final dicir que temos os brazos abertos para calquera que queira participar ou poñer o seu gran de area. Esperamos vervos o 1 e 2 de novembro no noso mercadiño. Se buscades unha aldea onde respirar, desconectar e sentirvos como na casa, en Soavila Rural tedes as portas abertas.