Sisalde vibra de novo coa forza da música tradicional

O vindeiro sábado 6 de setembro, o espazo natural de Sisalde volverá converterse no epicentro da música de raíz cunha nova edición do Festival Folk de Sisalde. Esta cita, que xa vai pola súa sétima edición, consolídase como un referente do panorama folk en Galicia, reunindo artistas locais, nacionais e internacionais nun enclave único do concello de Arteixo.
Este ano, o festival contará cun cartel diverso que combina tradición, música popular e innovación sonora, mantendo sempre a esencia da música feita dende a terra. Pola carballeira de Sisalde pasarán agrupacións como a A.C. Triskell, A.X. Xiradela, a Banda Os Rexumeiros de Elviña-Castro, a Banda de Gaitas Abelladeira do Bierzo, Os Viqueiras, Arnela e a Escola de Música Entresons.
O broche de ouro correrá a cargo de tres grandes nomes: a cantante ALANA, o recoñecido grupo escocés Tannahill Weavers, e a emblemática agrupación galega Sondeseu, unha das maiores orquestras folk de Europa. O Concello de Arteixo convida a toda a veciñanza e visitantes a participar desta xornada máxica, onde o ritmo, a paisaxe e a emoción van da man.