Silvia Longueira súmase á protesta da ANPA do IES de Curtis contra os recortes na atención á diversidade

A deputada socialista no Parlamento de Galicia, Silvia Longueira, participou na concentración convocada pola ANPA do IES de Curtis baixo o lema ‘Por un ensino público sen recortes na atención á diversidade’.
A mobilización, celebrada diante do propio instituto, contou tamén coa presenza da agrupación socialista local e de membros do PSdeG-PSOE da provincia da Coruña. Longueira denunciou que ‘mes e medio despois do inicio do curso a Xunta segue sen cubrir prazas de persoal técnico, tanto en colexios como en IES’.
A parlamentaria advertiu de que ‘hai un rapaz que leva 42 días sen estar escolarizado pola falta de persoal técnico’, e asegurou que non é un caso illado, citando o IES de Carral e o Valle Inclán de Oleiros como exemplos dunha ‘situación que se repite na provincia’.
‘Esixirémoslle á Xunta no Parlamento galego que poña fin a esta situación inaceptable, que é totalmente incompatible cun ensino público inclusivo e de calidade’, concluíu Longueira.