Sete mulleres de Cambre protagonizarán a charla 'Exemplos en feminino' polo 8M

Sete veciñas de Cambre converteranse nas protagonistas da charla-coloquio 'Exemplos en feminino', na que se abordará a presenza da muller en distintos sectores profesionais. Trátase dunha das actividades organizadas polo Concello para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O coloquio celebrarase o luns, 10 de marzo, ás 19.30 horas na Casa da Cultura Vila Concepción.
O obxectivo, tal e como explica a concelleira de Servizos Sociais, Landa Díaz, “é desbotar os prexuízos que existen nos diferentes sectores profesionais, nos que debería haber unha presenza paritaria entre mulleres e homes”. Así, con esta iniciativa búscase precisamente “visibilizar o labor que realizan estas cambresas nos seus traballos, animando a outras mulleres e mesmo ás futuras xeracións a seguir o seu exemplo”.
Na actividade intervirán as seguintes poñentes: Yolanda Fandiño García (policía local), Noelia Díaz Sánchez (xornalista), Manuela Varela (actriz e directora), Carolina Pan (comunicadora e paciente de cancro de mama), Susana Pedreira Sánchez (bombeira), Bibiana Portela Naveiras (vocalista do grupo Destemplados) e Iria Mejuto Buceta (xestora cultural). Durante o coloquio, cada unha delas achegará a súa visión sobre a presenza da muller no seu sector. Ao remate, o público asistente terá a oportunidade de formular preguntas.
O programa do 8M arrancará este venres, 7 de marzo, ás 12.00 horas, coa lectura do manifesto polo Día Internacional da Muller. O acto terá lugar no exterior da Casa do Concello e, en caso de choiva, trasladarase ao salón de plenos.
O sábado, 15 de marzo, terá lugar unha clase de defensa persoal para mulleres. A sesión comezará ás 17.00 horas no ximnasio Óliver Díaz Docando e será impartida por Kaizen Defensa Persoal.