Sete medallas de bronce impulsan ao Hydra no Campionato Galego Sénior de bádminton

ACoruñaXa
Cinco xogadores do club de Teixeiro subiron ao podio en Cedeira con catro terceiros postos en individuais e tres en dobres, nunha cita autonómica organizada pola Federación Galega de Bádminton
CURTIS hydra senior
2 Mar 2026

O CD Hydra pechou cun balance máis que positivo a súa participación no XLVII Campionato Galego Sénior de bádminton, celebrado este sábado 28 de febreiro en Cedeira. A expedición do club de Teixeiro (Curtis) regresou coa satisfacción de sumar sete terceiros postos nunha competición que reuniu boa parte das mellores raquetas galegas da categoría no Polideportivo Municipal de Cedeira.

O botín repartiuse entre individuais e dobres. En modalidade individual, Hydra colleitou catro bronces, asinados por Cova, Javier, Belén e Pepe das Cruces. A eles engadíronse tres terceiros postos en parellas: Pepe xunto a Gonzalo e Javier con Juan Fernández (CB Cíes) en dobres masculinos, ademais do bronce en dobres mixtos de Javier e Cova.

Máis alá do medalleiro, no club destacan o mérito dun equipo sénior que, segundo subliñan, só pode adestrar un día á semana e que, con todo, logrou facerse un oco no podio autonómico. O resultado, engaden, serve tamén para reforzar o peso do Hydra nunha canteira que supera os oitenta deportistas e para manter 'o nome de Hydra e o da vila de Teixeiro' presente no mapa do bádminton galego.

0.12103390693665