Sesenta bolsas financiarán estadías en Irlanda para mellorar o inglés da mocidade da provincia

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña abre do 9 ao 23 de abril unha convocatoria dirixida ao alumnado de 1º de Bacharelato dos concellos máis pequenos, cun programa que cobre o 100 por cento dos gastos durante catro semanas
DIPU CORU bolsas irlanda
8 Apr 2026

A mocidade da provincia da Coruña terá este verán unha nova oportunidade para perfeccionar o inglés no estranxeiro sen custo para as familias. A Deputación convoca 60 bolsas para realizar unha estadía de catro semanas en Irlanda durante os meses de xullo ou agosto, dentro dun programa dirixido ao alumnado de 1º de Bacharelato e pensado especialmente para facilitar o acceso a este tipo de experiencias internacionais aos estudantes dos concellos máis pequenos.

A iniciativa cobre o 100 por cento do custo do programa, cun valor estimado máximo de 6.450,84 euros por persoa. As axudas inclúen as viaxes de ida e volta desde A Coruña, os desprazamentos no país de destino, o aloxamento en residencia de estudantes en réxime de pensión completa, a formación académica, o seguro e as actividades culturais e deportivas previstas durante a estadía.

O programa combina un curso intensivo de inglés, cun mínimo de 15 horas semanais ao longo dun mes, cunha formación preparatoria en liña de 10 horas antes da saída. A maiores, o alumnado participante contará cun calendario de visitas e actividades pensado para favorecer a inmersión lingüística e o contacto coa cultura irlandesa.

A convocatoria está aberta ao alumnado de 1º de Bacharelato matriculado en centros sostidos con fondos públicos da provincia, sempre que cumpra os requisitos fixados nas bases. Entre eles figuran non ter materias suspensas en 4º da ESO e acadar polo menos un 6 na materia de Inglés. Quedan fóra desta edición os estudantes residentes na Coruña, Santiago e Ferrol, coa intención de priorizar os municipios que teñen máis dificultades para ofrecer programas deste tipo.

A selección realizarase en concorrencia competitiva e terá en conta tanto o expediente académico como a situación económica e sociofamiliar das familias. O prazo de solicitude abrirase ás 08.00 horas do xoves 9 de abril e pecharase ás 14.00 horas do xoves 23 de abril. Toda a tramitación deberá facerse por vía telemática a través da plataforma SUBTel da Deputación da Coruña.

0.11571216583252