Sés presenta 'Nadando na incerteza' e publica o seu primeiro letrario completo

ACoruñaXa
O libro-disco sairá o 28 de novembro e o single homónimo estréase o 17 de outubro
A CORUÑA sés
17 Oct 2025

A cantora coruñesa Sés (María Xosé Silvar) anuncia un dobre lanzamento que marca unha nova etapa da súa traxectoria independente: o libro-disco 'Nadando na incerteza', dispoñible a partir do 28 de novembro, e o seu primeiro letrario íntegro, 'Mentres quede corazón', que reúne toda a obra lírica creada ao longo dunha década e media.

O novo álbum aposta pola esencia da canción: trece temas orixinais concibidos con sobriedade instrumental, voces en primeiro plano e unha escrita que sostén cada peza por si mesma. 'Non son cantante, son cantora; necesito identificarme co que canto', sinala Sés sobre unha proposta que evita artificios para poñer a palabra e a melodía no centro. Como adianto, o single 'Nadando na incerteza' verá a luz el venres 17 de outubro.

Fiel ao seu método, a artista asume as tarefas de composición, interpretación, produción e gravación, reforzando un camiño de independencia que suma xa nove discos en catorce anos e unha sonoridade propia, allea a modas e estereotipos. En paralelo, o letrario 'Mentres quede corazón' ofrece unha mirada completa ao seu universo creativo, do íntimo ao colectivo, e funciona como complemento á nova obra discográfica.

Ao longo da súa carreira, Sés consolidouse como unha das voces máis recoñecibles da música galega contemporánea, con xiras por Galicia, outras zonas da península e escenarios internacionais en países como Arxentina, Uruguai, México, Paraguai, O Salvador, Alemaña ou Inglaterra.

⚙ Configurar cookies
0.070559024810791