Seoane chama aos concellos da Coruña a impulsar unha denuncia conxunta contra a Xunta polo financiamento da Dependencia

O Concello de Oleiros move ficha no debate sobre o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O alcalde, Ángel García Seoane, enviou unha carta formal aos alcaldes e alcaldesas da provincia da Coruña coa proposta de promover unha denuncia xudicial conxunta contra a Xunta de Galicia polo que cualifica de incumprimento reiterado da Lei de Dependencia.
Segundo expón o rexedor na misiva, a Administración autonómica non estaría asumindo o 100 % do custo do SAF, o que, ao seu xuízo, obriga os concellos a cubrir con fondos propios unha parte do servizo. Oleiros sostén que esta situación acaba detraendo recursos municipais que poderían destinarse a investimentos e a outras prestacións locais.
No escrito, García Seoane tamén carga contra o recente acordo entre a Xunta e a FEGAMP, ao que define como un ‘parche’ que non resolve o problema de fondo e que, di, prexudica os intereses dos concellos con independencia da cor política. “Non é unha cuestión de partidos, é unha cuestión de xustiza e de supervivencia dos servizos públicos”, afirma.
A iniciativa pretende artellar unha fronte municipalista para esixir que a Xunta asuma de maneira íntegra o custe por hora do SAF e evitar, segundo Seoane, que a cidadanía remate ‘pagando dúas veces’ polo mesmo servizo.