Sen Senra e David Bisbal despedirán esta fin de semana o ano musical do Coliseum

ACoruñaXa
Con estas citas, que terán lugar os días 12 e 13 de decembro respectivamente, o Coliseum pecha un ano no que volve situarse como un dos grandes escenarios musicais de Galicia
Bisbal
8 Dec 2025

O Coliseum da Coruña porá o broche final á súa programación musical de 2025 cunha dobre cita esta fin de semana. Sen Senra actuará o venres 12 e David Bisbal fará o propio o sábado 13, dous concertos para os que aínda quedan as últimas entradas dispoñibles tanto nas plataformas de venda en liña como no despacho de billetes da praza de Ourense.

“A Coruña, de novo, amosa o seu potencial musical acollendo en exclusiva en Galicia estas actuacións de dous artistas moi destacados, froito do traballo do Goberno de Inés Rey por configurar unha programación cultural de calidade”, sinalou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

A cidade será unha das catro paradas da xira 'La última misa' de Sen Senra, coa que o artista despedirá o seu proxecto PO2054AZ, integrado por tres discos. O músico, unha das voces máis recoñecidas da escena emerxente estatal, combina pop, R&B e influencias urbanas, e conta con colaboracións con nomes como Feid, Julieta Venegas ou Aitana.

Pola súa parte, David Bisbal regresará ao Coliseum despois do sold out acadado en 2023. O artista presentará o seu novo espectáculo, Todo es posible en Navidad, unha xira limitada a dez cidades españolas e na que ofrece un repertorio adaptado a esta celebración. O cantante almeriense, figura destacada da música latina, está a vivir unha etapa especialmente exitosa grazas ás súas versións de Nadal, que o levaron a participar en eventos multitudinarios ligados a estas datas.

Coas dúas citas, o Coliseum pecha un ano no que volve situarse como un dos grandes escenarios musicais de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.074418067932129