Sementeira de Cambre impulsa unha recollida solidaria de alimentos para a Despensa Municipal

A Escola de Música Sementeira de Cambre puxo en marcha esta semana unha recollida solidaria de alimentos destinada a reforzar a Despensa Municipal de Cambre, co obxectivo de apoiar ás familias que precisan axuda especialmente nestas datas.
A iniciativa estará activa do luns 15 ao venres 19 de decembro. As persoas que queiran colaborar poden achegar as doazóns en horario de 16.00 a 21.00 horas nas instalacións da escola, situadas en O Souto 8, baixo, na parroquia de Sigrás.
Desde a entidade animan a participar con alimentos non perecedoiros e tamén con produtos típicos do Nadal, lembrando que calquera achega, por pequena que sexa, pode marcar a diferenza. A campaña conta coa implicación da comunidade educativa e busca converterse nun xesto colectivo de solidariedade para que a despensa municipal poida atender con máis recursos ás persoas usuarias durante as festas.