Seis novas multas en Oleiros por deixar cartóns e mobles fóra dos contedores

ACoruñaXa
O Concello sancionará con 600 euros a cada unha das persoas identificadas en Perillo e no Seixo por incumprir as normas de depósito do lixo
OLEIROS lixo
7 Apr 2026

O Concello de Oleiros volve apertar o control sobre os vertidos incívicos nas rúas do municipio. Nos últimos días foron identificadas seis persoas por incumprir as normas de depósito do lixo, nunha actuación que rematará coa apertura doutros tantos expedientes sancionadores e multas de 600 euros para cada unha delas.

Cinco dos casos localizáronse na contorna dos contedores de Beiramar, en Perillo, onde varios individuos deixaron unha importante cantidade de cartóns fóra do espazo habilitado. A sexta persoa foi identificada na zona do Seixo por abandonar mobles vellos xunto aos contedores. Segundo explica o Concello, neste último caso foi clave a colaboración veciñal para dar coa persoa responsable.

A administración local lembra que os cartóns non poden depositarse no exterior dos contedores, senón que deben dobrarse e pregarse para introducilos no colector azul. No caso dos residuos voluminosos do fogar, como mobles, electrodomésticos ou colchóns, só se poden deixar xunto aos contedores os xoves a partir das 20.00 horas e sempre despois de avisar previamente no teléfono 981 795 524.

O Concello insiste ademais en que outros residuos domésticos como restos de poda, cascallos ou electrodomésticos tamén deben levarse ao punto limpo do polígono de Iñás, na rúa Salnés. Ao mesmo tempo, anima á cidadanía a comunicar este tipo de condutas á Policía Local no 981 610 001, ao entender que se trata dun problema que afecta á imaxe do municipio e ao uso común do espazo público.

0.11872482299805