Seis etapas pola Costa Cantábrica para estrear a tempada de sendeirismo en Arteixo

A primavera en Arteixo volve ter acento de mochila e botas. O Concello vén de presentar o 'Programa municipal de sendeirismo 2026', unha proposta con seis etapas pola Costa Cantábrica de Galicia, con prazas limitadas (50 por ruta) e un nivel de esixencia pensado para un público amplo, ao moverse entre a categoría fácil e moderada.
O calendario arranca o 12 de abril e mantén o pulso ata mediados de xuño, con distancias de entre 12 e 16 quilómetros e unha duración aproximada de 6 horas por xornada. As rutas quedan fixadas así:
- Miradoiro do Castro (Porto de Cariño) a Esteiro de Abaixo (16 km, 12 de abril)
- Esteiro de Abaixo a Porto de Ortigueira (15 km, 26 de abril)
- Santa Marta de Ortigueira ao Embarcadoiro do Ladrido (15 km, 10 de maio)
- Embarcadoiro do Ladrido a Loiba (15 km, 17 de maio)
- Loiba (Praia de Picón) ao Faro de Estaca de Bares (14 km, 7 de xuño)
- Faro de Estaca de Bares ao Porto do Barqueiro (12 km, 14 de xuño)
Máis alá das datas, a programación busca tamén poñer en valor puntos moi recoñecibles do litoral norte: areais como Basteira ou Morouzos, o paseo marítimo de Ortigueira, miradoiros como Pena Furada e a contorna de Loiba (onde aparece o coñecido 'banco máis bonito do mundo'), ademais do treito final arredor de Estaca de Bares ata O Barqueiro. En conxunto, o itinerario suma arredor de 100 quilómetros repartidos nas seis saídas.
As inscricións e a matrícula tramitaranse por orde de chegada desde o 1 de marzo de 2026 e, en cada ruta, ata o martes anterior ao seu inicio. O Concello lembra que será obrigatorio presentar o xustificante de pagamento no Servizo Municipal de Deportes, xa que, de non facelo, poderase anular a praza. Ademais, terán preferencia as persoas empadroadas en Arteixo.
O prezo público fíxase en 15 euros por etapa para maiores de idade e 10 euros para menores, e inclúe transporte, picnic e seguros. Para participar, con carácter xeral cómpre ser maior de idade ou, no seu defecto, ter máis de 10 anos con autorización e ir acompañado. Cada saída precisa un mínimo de 15 inscritos para poder celebrarse.