Seis entidades sociais renovarán a súa frota con apoio da Deputación para mellorar a atención a persoas vulnerables

A Deputación da Coruña aprobou de forma definitiva as axudas do programa FOIEV 2026, unha convocatoria coa que destinará 264.796,57 euros á compra de novos vehículos para seis entidades sen ánimo de lucro da provincia. O obxectivo é reforzar a atención a colectivos vulnerables e mellorar os desprazamentos das persoas usuarias dos distintos servizos sociais e sociosanitarios.
As beneficiarias desta liña de apoio son a Asociación Asistencial Galega de Servicios a Dependencia (AGASDEP), Ecos do Sur, a Asociación Fonte da Virxe de familiares e amigos dos enfermos mentais, a Asociación Nuestra Señora de Chamorro, a Asociación Provincial de Pensionistas e Xubilados (UDP) da Coruña e a asociación Misela, da comarca de Noia-Muros.
Os proxectos subvencionados permitirán incorporar vehículos adaptados para persoas con mobilidade reducida, furgonetas e vehículos de nove prazas. Estes recursos estarán destinados, sobre todo, a facilitar o acceso a centros de día, programas de respiro familiar, servizos de atención á discapacidade e iniciativas de inserción sociolaboral.
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, destacou que 'este programa supón un apoio fundamental para o traballo que desenvolven as entidades sociais, dotándoas de medios que lles permiten chegar a máis persoas e facelo en mellores condicións'. A responsable provincial incidiu tamén en que estas inversións axudan a garantir a igualdade no acceso aos servizos sociais, especialmente no rural, onde a mobilidade segue a ser unha peza clave para evitar situacións de illamento.
Con esta nova achega, a Deputación reforza a capacidade operativa de entidades que traballan a diario con persoas maiores, persoas con discapacidade, doentes e colectivos en risco de exclusión, nun paso máis para mellorar a cobertura social en distintos puntos da provincia.