Seis empresas reciben o recoñecemento de FEAFES Galicia nos Premios EMPRÉGANOS

A entidade Saúde Mental FEAFES Galicia celebrou a terceira edición dos Premios EMPRÉGANOS, un evento que ten como obxectivo recoñecer o compromiso e a implicación das empresas, organismos e persoas que favorecen a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental.
Na categoría de Empresa de Formación, o premio foi concedido a Northius, en recoñecemento á súa aposta pola mellora da cualificación das persoas con problemas de saúde mental, ofrecendo formación innovadora e de calidade para potenciar a súa capacitación laboral. O premio á Empresa Colaboradora foi para Brico Depôt, que leva oito anos acollendo alumnado deste colectivo en prácticas non laborais e brindándolles posteriormente oportunidades de emprego. Pola súa banda, BCL Facility Services recibiu o premio á Empresa Contratante pola confianza depositada en Saúde Mental FEAFES Galicia para comunicar ofertas e contratar a persoas usuarias no mercado ordinario, destacando a súa estreita colaboración e comunicación coa entidade.
Na categoría de Emprego Protexido, recoñeceuse a Emprego Social polo seu compromiso e implicación na contratación estable de persoas con problemas de saúde mental, así como pola súa calidade humana. Como Entidade Colaboradora premiouse á Asociación de Empresarias de A Coruña, por contribuír á visibilización de Saúde Mental FEAFES Galicia e ofrecer formación de calidade sobre autoemprego a persoas con problemas de saúde mental. Finalmente, na categoría Persoa Referente, foi galardoado Manuel Añón Gesto, encargado xeral de servizos de Clece S.A., en recoñecemento á súa entrega, sensibilidade e boa disposición cara á inserción laboral de colectivos vulnerables, promovendo a igualdade de oportunidades e a non discriminación.
Durante a súa intervención, o director de Saúde Mental FEAFES Galicia, Antonio Hernández, destacou que ao longo de 2024 a entidade axudou a 839 persoas con problemas de saúde mental a lograr un emprego en Galicia, incluídas 191 na área da Coruña, o que representa o 67 % das persoas atendidas. Esta cifra, moi superior ao índice xeral de inserción laboral do colectivo, demostra que cando hai un servizo especializado, as oportunidades multiplícanse exponencialmente.
Ana Penas, usuaria de Saúde Mental FEAFES Galicia, puxo o foco na importancia do emprego para o desenvolvemento dun proxecto de vida digno. Na súa intervención, instou ao empresariado a confiar e a non discriminar as persoas con problemas de saúde mental. “Considero de vital importancia que as empresas vexades en nós ás persoas profesionais que somos, máis alá dun diagnóstico ou unha discapacidade”, afirmou.
O acto contou coa presenza de numerosas autoridades e representantes institucionais, entre eles a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa Domínguez; a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Sobral Cabanas; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso; a deputada provincial de Política Social, Educación e Mobilidade, Mª Mar García Vidal; e o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na Coruña, Juan José Couce Prego. Ademais, asistiron persoal técnico e directivo de Saúde Mental FEAFES Galicia, empresarios e empresarias da zona, e persoas usuarias das asociacións vinculadas, reunindo un total de máis de 100 asistentes.
Con eventos como os Premios EMPRÉGANOS, Saúde Mental FEAFES Galicia segue promovendo a inserción laboral como ferramenta fundamental para mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental, reducindo estigmas e fomentando a igualdade de oportunidades no mercado de traballo.