Seis concellos clausuran en Abegondo o obradoiro de emprego con 20 participantes en paro

ACoruñaXa
A iniciativa 'Reserva de Biosfera: Emprego Verde IV' formou ao alumnado en edificación, obra civil, albanelería e xardinaría, con apoio da Xunta e dos municipios implicados
ABEGONDO clausura taller empleo
11 Sep 2025

Os concellos de Abegondo, Bergondo, Carral, Oza-Cesuras, Paderne e Sada puxeron hoxe o punto final ao obradoiro de emprego conxunto ‘Reserva de Biosfera: Emprego Verde IV’, unha acción formativa de nove meses de duración que permitiu capacitar a vinte persoas en situación de desemprego.

O acto de clausura celebrouse na Casa do Concello de Abegondo, municipio coordinador do programa, e contou coa presenza do conselleiro de Emprego, José González, e do alcalde anfitrión, José Antonio Santiso. Xunto a eles participaron tamén a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez; o rexedor de Carral, José Luis Fernández Mouriño; o alcalde de Paderne, Sergio Platas; a concelleira de Oza-Cesuras, Pilar Rilo; o edil de Sada, Ricardo Berrocal; e a directora xeral de Formación, Zeltia Lado.

O obradoiro centrouse en dúas especialidades: Edificación e obra civil e Albanelería e acabados, por unha banda, e Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, pola outra. Dez alumnos obtiveron certificados de profesionalidade vinculados ao sector da construción, mentres que os outros dez acadaron a titulación en xardinaría.

O alcalde de Abegondo subliñou que son ámbitos cunha ‘alta demanda laboral, tanto para emprender por conta propia como para incorporarse a empresas xa consolidadas’. Felicitou ao alumnado e expresou o seu desexo de que a formación ‘se traduza nunha inserción laboral real’.

Pola súa parte, o conselleiro de Emprego destacou que o ‘obxectivo fundamental é promover unha inserción en condicións dignas e cunha retribución xusta’. Ademais, avanzou que a Xunta manterá a aposta polos obradoiros de emprego, introducindo novidades como o anticipo do 100% da financiación aos concellos.

Santiso tamén confirmou que os municipios implicados ‘seguirán traballando conxuntamente para adaptarse ás novas convocatorias’, co propósito de continuar ofrecendo oportunidades de futuro á veciñanza en situación de desemprego.

⚙ Configurar cookies
0.16065287590027