Segundo o grupo Popular da Coruña o Goberno municipal incumpre a súa propia ordenanza de ruído

ACoruñaXa
O PP insta a Inés Rey a adoptar medidas inmediatas e efectivas para solucionar esta problemática
foto-mediciones
19 Mar 2025

O Grupo Popular traslada que evidenciou, mediante medicións de ruído, que o Goberno municipal incumpre a súa propia ordenanza de protección contra a contaminación acústica, a pesar de telo negado no último Pleno cando se debateu a moción presentada polo PP solicitando unha solución urxente.

Indican desde o grupo que os concelleiros Carlos San Claudio e Antonio Deus, acompañados por un profesional en medición de ruídos con aparatos homologados, comprobaron pola mañá que o ruído no exterior da rúa Amargura, procedente do sistema de ventilación e calefacción de Casa Veeduría, acadaba os 80,7 dB, cando o límite permitido pola normativa municipal para “sectores do territorio con uso predominantemente residencial, cunha moderada sensibilidade fronte á contaminación acústica” é de 55 dB.

Inciden en que a norma recolle que os límites “consideraranse cumpridos cando os valores dos índices acústicos avaliados non excedan en ningún caso en 5 dB ou máis o límite de aplicación”, polo que superar os 60 dB xa supón un incumprimento claro.

Expoñen: “A pesar de que os residentes levan dous meses denunciando este exceso de ruído, constante e de alta intensidade, comparable ao dun helicóptero en pleno aterraxe, que afecta gravemente á calidade de vida e ao dereito ao descanso no barrio, Inés Rey non tomou ningunha medida. Esta situación prexudica tanto os veciños, especialmente a persoas maiores, como aos propios traballadores do edificio municipal”.

O PP insta a Inés Rey a cumprir coa moción aprobada por unanimidade no último Pleno e a adoptar medidas inmediatas e efectivas para solucionar esta problemática, garantindo a saúde e o benestar da veciñanza e do persoal municipal.

⚙ Configurar cookies
0.052397012710571