Seguimento total na primeira das catro xornadas de folga nas escolas deportivas municipais da Coruña

O 100% do persoal das escolas deportivas municipais da Coruña secundou este xoves a primeira das catro xornadas de folga convocadas para reclamar o cobro inmediato dos salarios, coa nómina de decembro e a paga extraordinaria aínda sen ingresar. A protesta tamén busca presionar para que os novos pregos do servizo recollan avances retributivos e laborais que (segundo denuncian) levan anos demandando.
Nesta primeira xornada, as traballadoras e traballadores concentráronse diante do Pazo de María Pita e recibiron o apoio de ducias de persoas usuarias, que se achegaron para amosarlles solidariedade. A convocatoria dos paros xa estaba anunciada con antelación, pero chega tras coñecerse a decisión do Goberno local de retirarlle a prestación do servizo a Serviplus e encargar a xestión á empresa pública municipal Emvsa.
Segundo a información trasladada ao persoal, Emvsa asumiría o servizo por un período máximo de seis meses, á espera de que o Concello licite o novo contrato, e faríase cargo do pagamento das nóminas cando se formalice a subrogación. O colectivo valora a rapidez da medida, mais asegura que a incerteza continúa: descoñecen cando se producirá o cambio, en que condicións se fará e que pasará coas cantidades que lles adebeda Serviplus (a nómina completa de decembro, a extra de Nadal e os días traballados ata a subrogación). Ademais, lembran que parte do cadro de persoal tamén ten pendentes atrasos xerados desde xaneiro de 2024.
O responsábel de ensino privado da CIG, Henrique García, advertiu de que, mesmo dando por feito que será Emvsa quen aboe estas contías, o calendario segue sen aclararse e o persoal teme que, no mellor dos casos, non comece a percibir ingresos ata febreiro.
En paralelo, o sindicato critica que os próximos pregos prevén un incremento da dotación económica, pero non reforzan as partidas destinadas a mellorar os salarios e as condicións de traballo. Segundo García, o aumento céntrase en ampliar servizos (como campamentos de verán e Nadal e novas actividades deportivas), mentres quedan sen atender cuestións como dignificar retribucións, corrixir discriminacións e reducir a elevada parcialidade.
A folga continuará os días 9, 12 e 13 de xaneiro. Para este venres 9 e para o martes 13 hai convocada unha nova concentración ás 12.00 no Pazo de Deportes de Riazor. O luns 12 está prevista unha manifestación ás 11.00 desde Riazor ata a Praza de María Pita, onde o persoal anuncia unha sesión de actividades deportivas aberta á participación da cidadanía.
A CIG tamén reclama unha resposta para o persoal do programa Lecer, outro servizo adxudicado a Serviplus afectado polo impago. Segundo sinala a central, as 48 traballadoras e traballadores deste programa teñen pendentes a nómina completa de decembro, a paga extraordinaria de Nadal e diversas cantidades de meses anteriores, polo que esixen ao Concello medidas urxentes para garantir o cobro con normalidade.