Seguimento maioritario na décima xornada de folga do transporte en autobús, pendentes da mediación do luns

A décima xornada de folga no transporte de viaxeiros por estrada volveu deixar unha forte afectación nas principais estacións da provincia da Coruña e evidenciou, segundo os convocantes, un seguimento maioritario e sen incidencias. As mobilizacións mantiveron a presión sobre a patronal coa vista posta na reunión de mediación prevista para o vindeiro luns, ás 10.00 horas, no Consello Galego de Relacións Laborais.
Para dar visibilidade ao conflito, ademais dos piquetes informativos despregados desde primeira hora, o persoal concentrouse na estación de autobuses da Coruña e diante do edificio da Xunta en Ferrol, mentres que en Compostela se convocou unha manifestación con saída desde as cocheiras de Monbús en Amio.
De cara á cita do luns, Ernesto López, representante da CIG na mesa do convenio, puxo o acento nas dificultades para que 'a patronal asumira que este conflito só se resolve negociando'. Criticou que parte do empresariado 'entenda as relacións laborais como se estiveramos no século XIX' e sinalou directamente a Monbús como un dos actores clave no enquistamento do conflito.
“Agora asumiron que hai que sentar e levaremos as nosas reivindicacións á mesa sen pretensión de rebaixar nada”, afirmou o sindicalista, que pediu á patronal “altura de miras” para acudir á mediación con vontade real de negociar e propostas que permitan avanzar nun acordo.
Segundo explicou, as principais demandas pasan por un incremento salarial “digno” con cláusula de revisión ligada ao IPC, a redución da xornada laboral e límites á xornada a disposición, así como a actualización de dereitos en materia de permisos e días de asuntos propios. Entre as reclamacións inclúense tamén facilitar o acceso á xubilación parcial con contrato relevo e mellorar as condicións do persoal acompañante.
A CIG cargou tamén contra o papel da Xunta de Galicia no conflito e reprochoulle que, malia ser titular das concesións, “permanece agochada, sen vontade de solucionar nada” e sen ter en conta, segundo o sindicato, nin os dereitos laborais nin o impacto sobre as persoas usuarias.