Sarabela Teatro leva a Arteixo a montaxe ‘O dragón de ouro’ no CCC Manuel Murguía

Arteixo suma unha nova proposta á súa axenda cultural desta semana coa chegada de Sarabela Teatro e a súa peza ‘O dragón de ouro’, prevista para o venres 23 de xaneiro ás 20.30 horas no auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo Manuel Murguía (CCC).
A obra, do dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig, preséntase como unha traxedia contemporánea de pulso performático e con trazos grotescos, construída a partir de historias que se entrecruzan arredor dun restaurante asiático de comida rápida situado nun edificio de varios pisos. Nese escenario aparecen vidas invisibles e situacións marcadas pola soidade, os desexos ocultos e a precariedade.
Na versión de Sarabela Teatro, a tradución é de Catuxa López Pato e a dramaturxia e dirección corren a cargo de Ánxeles Cuña Bóveda. O elenco está formado por Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fina Calleja, Fran Lareu e Fernando González, nun xogo escénico no que cinco intérpretes asumen múltiples personaxes.
Segundo recolle a documentación da compañía, trátase dunha proposta recomendada para maiores de 16 anos e que, ademais de retratar a veciñanza dun edificio, aborda cuestións como a inmigración ilegal e a prostitución forzada, mesturando realidade e fábula.