Santa Margarida acolle o festival inclusivo ‘On d Bass Vol.7’, unha homenaxe á música reggae

ACoruñaXa
É un espazo para a celebración da inclusión, a cultura e a música con acceso libre e de balde
margarita-corunha
7 Jun 2025

O parque de Santa Margarida convertese este sábado 7 de xuño, nun espazo de celebración da inclusión, a cultura e a música con motivo da sétima edición do festival ‘On d Bass’, unha cita organizada pola Asociación Cultural Negus coa colaboración do Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa.

O evento, de acceso libre e gratuíto, comezará ás 17.00 horas no auditorio do parque, cun cartel que aposta pola música reggae e a participación de colectivos diversos, nunha xornada que tamén servirá para conmemorar o 25 aniversario da Asociación Negus. “Desde o Goberno de Inés Rey apostamos por ofrecer espazos ás entidades culturais da cidade que promoven eventos solidarios ou inclusivos coma este”, destacou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

O festival contará coa presenza de recoñecidos colectivos galegos como ‘Soundkilla Soundsystem’, ‘Bass Dealer meets Pintega Sistema de Son’, ‘Delirium Soundsystem’ ou ‘DJ Inclusivo’, unha iniciativa que xorde do programa ‘Cultura Accesible e Inclusiva’ da Fundación Emalcsa e que busca visibilizar o talento de persoas con diversidade funcional.

Precisamente, a programación inclúe a participación activa do alumnado do proxecto ‘DJ Inclusivo’, con representantes de entidades como Down Coruña, Fundación ADCOR, CASCO e Artefios, que subirán ao escenario para compartir co público as súas propias sesións musicais.

Ademais dos artistas locais e galegos, o evento contará coa actuación destacada do cantante senegalés ‘Baba Sall’ e coa instalación de tres ‘sound systems’ artesanais que encherán o auditorio de vibracións positivas ao longo da tarde.

O ‘On d Bass Vol.7’ reafirma o compromiso de Negus coa inclusión social e o acceso universal á cultura, principios que a asociación vén promovendo desde 1999 mediante proxectos formativos e eventos como o ‘Foundation Reggae Festival’, do que foi precursora. Esta nova edición do festival supón un paso máis na construción dunha cultura máis diversa, aberta e participativa.

⚙ Configurar cookies
0.16563391685486