Santa Cruz reúne o 4 de marzo a quinta feira municipal para orientar o futuro académico e laboral da mocidade

ACoruñaXa
O Pavillón Arsenio Iglesias acollerá pola mañá as visitas de máis de 650 estudantes dos centros de secundaria de Oleiros e, pola tarde, abrirá as portas ao público de 15.00 a 17.00 horas
OLEIROS feira empleo
1 Mar 2026

O Pavillón Arsenio Iglesias de Santa Cruz será o escenario, o mércores 4 de marzo, da V Feira de Orientación académica e profesional impulsada polo Concello de Oleiros. A cita está dirixida ao alumnado de formación profesional, educación secundaria e Bacharelato e busca servir de guía para quen teña que decidir estudos, itinerarios formativos ou o seguinte paso cara ao mercado laboral.

Durante a mañá, entre as 9.30 e as 13.30 horas, está prevista a participación de máis de 650 alumnos e alumnas dos catro centros de ensinanza secundaria do municipio, que acudirán en quendas acompañados por profesorado e persoal de orientación. Pola tarde, a feira abrirase tamén a calquera persoa interesada, de 15.00 a 17.00 horas.

Ao longo da xornada haberá postos informativos con opcións moi diversas, desde universidades e centros de FP ata escolas especializadas, academias e recursos de orientación xuvenil. Entre os participantes figuran as tres universidades galegas (USC, UDC e UVigo), a UNED, centros integrados de FP e entidades como a Fundación Laboral da Construción, así como propostas vinculadas a saídas profesionais concretas (hostalaría, pilotos e tripulación de cabina, deseño, imaxe e son ou artes gráficas). Tamén contarán con presenza as Forzas Armadas e a Garda Civil, entre outros expositores, nunha relación que supera a trintena de postos.

O encontro está organizado polo Concello de Oleiros en colaboración co Centro Municipal de Formación, as Casas da Mocidade e os departamentos de orientación dos centros IES Neira Vilas, IES María Casares, IES Miraflores e o Colexio Hijas de Cristo Rey.

0.12574887275696