Santa Cruz (Oleiros) prepárase para unha nova edición de Alfaroleiros
O parque Luís Seoane de Santa Cruz será o escenario da XXX edición de Alfaroleiros, que se celebrará desde o mércores 7 de agosto ata o domingo 11. Esta feira, que alcanza a súa trixésima edición, é unha das máis representativas en termos de artesanía e tradición na península Ibérica.
Un total de 26 oleiros, procedentes de distintas partes do Estado español, amosarán e venderán os seus produtos no céspede do parque Luís Seoane, convertendo Santa Cruz no epicentro cultural e festivo do Concello durante os primeiros días de agosto.
Durante a celebración da feira, o parque Luís Seoane e a praza Esther Pita acollerán diversas actividades lúdico-culturais destinadas tanto á veciñanza como ás persoas visitantes. Entre as actividades destacadas tamén se incluirá unha exposición conmemorativa que celebrará os 30 anos desta tradicional feira.
Todas as actividades, espectáculos e concertos son de balde e abertas ao público. A programación completa é a seguinte:
- Acto de inauguración: mércores, 12.30 horas
- Demostración de olería: mércores, 13.00 horas
- Concerto de Caamaño & Ameixeiras: mércores, 21.00 horas
- Demostración de olería: xoves, 13.00 horas
- Demostración de olería: xoves, 18.30 horas
- Espectáculo de maxia e música do Mago Teto: Rock & Magic, 20.00 horas (praza Esther Pita)
- Monólogo: Sen Restricións de Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro, 21.30 horas
- Demostración de olería: venres, 13.00 horas
- Bautismo de barro: venres, 17.30 horas
- Concerto de música infantil: A música das buguinas de Bellón Maceiras e Mamá Cabra, venres, 20.00 horas
- Concerto de Verónica Codesal: venres, 22.00 horas (praza Esther Pita)
- Cociña e barro, demostración de cociña en vivo: sábado, 13.00 horas
- Obradoiro: A olería nas túas mans: sábado, 18.30 horas
- Cociña e barro, demostración de cociña en vivo: sábado, 20.00 horas
- Concerto de Monoulious DOP: sábado, 22.00 horas (praza Esther Pita)
- Demostración de olería: domingo, 13.00 horas
- Xogos tradicionais: Xogando miudiño: domingo, 18.00 horas
- Pasarrúas co Grupo de gaitas Santaia: domingo, 19.30 horas